Ana Pontón

A decisión de Sánchez de retrasar o estatuto electrointensivo é unha pésima noticia para os traballadores de ALCOA

Reunión Alcoa
Reunión Alcoa

Ana Pontón responsabiliza a PSOE e PP da situación e pide a Feixóo “que non faga electoralismo barato”. “Galiza precisa ser decisiva en Madrid e iso só é posible con forzas propias como o BNG”, salienta

A portavoz nacional, Ana Pontón, cualificou de “pésima nova” para Galiza que o goberno de Pedro Sánchez retrase a aprobación do esperado estatuto para as  industrias electrointensivas que, entre outras cuestións, facilitaría un comprador para ALCOA imprescindible para manter emprego e a produción da factoría coruñesa.

“É evidente que para as forzas do Estado, -aínda que neste asunto a Xunta é corresponsable porque non fixo os seus deberes como goberno do país-, pasan olimpicamente dos problemas que temos, e ademais son responsables dunha crise industrial que está poñendo en risco miles de empregos en Galiza”, criticou Pontón, “alguén ten que explicarnos como é posible que haxa postos de traballo na picota polos custes enerxéticos nun país que produce electricidade a esgalla”.

O emprego de ALCOA “ten que ser unha prioridade de Estado e iso non se vai a lograr coas forzas estatais senón tendo capacidade e poder de decisión da man de forzas políticas propias”, recalcou, “de feito, a factoría da Coruña non ten que pechar porque o Estado ten mecanismos para manter a fábrica”, explicou, “pero para iso ten que haber un peso político que lle obrigue como faría un BNG decisivo en Madrid”.

Mentres non haxa comprador, o Goberno central “ten que coller as rendas da empresa, seguir mantendo a actividade e buscar unha solución de futuro”.

“Tamén lle pido ao PP que non frivolice porque estou convencida de que vai facer un electoralismo barato e hai que recordarlles que o actual marco enerxético foi deseñado polo PP e estas son as consecuencias. Fracaso do PP e do PSOE, e pídolle a Feixóo que non actúe como axente electoral de Casado, porque con ALCOA o que estivo facendo foi campaña, e Galiza merece un presidente  a tempo completo e non un delegado do PP”.

“É unha nova labazada na cara de Galiza pero desde o BNG imos seguir traballando nunha solución”, concluíu en declaracións aos medios tras o mitin de Santiago.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG