O debate de investidura confirma unha vez máis que as forzas estatais pasan dos problemas de Galiza

Ana Pontón
Ana Pontón
Pontón: “Este país continúa sen perfil nin voz propia que faga valer os seus intereses”
O debate de investidura confirma unha vez máis que as forzas estatais pasan dos problemas de Galiza

Semanas de negociación de cara ao pleno de investidura no Congreso deixaron claro que Galiza non forma parte da axenda estatal e, tras horas de debate na Cámara baixa, so serviron para confirmar que as forzas políticas que teñen o seu centro de decisión en Madrid levan a Galiza á irrelevancia política.

“O debate está sendo unha continuación do vodevil en que os partidos españois teñen convertida a política do Estado e, como era previsíbel, Galiza non existiu nin para quen se propón para encabezar o Goberno central, nin para quen o podería apoiar, nin para quen vai estar na oposición”, salientou nunha primeira valoración a portavoz nacional, Ana Pontón. “Houbo máis do mesmo: Galiza continúa desaparecida, sen perfil propio e sen voz que faga valer os intereses da nosa sociedade en Madrid, e por iso nen sequera podemos dicir que foi decepcionante porque repetiu un guión ben coñecido por parte das forzas estatais que pasan de Galiza. Non esperábamos máis nin do aspirante Pedro Sánchez nin dos partidos españois”.

A líder da formación nacionalista tamén ve comprensible “o cansazo da maioría social vendo o nivel de irresponsabilidade, partidismo e falta de altura do debate político”, e a sucesión de intervencións no debate de investidura “reafirman ao BNG na súa convicción de que Galiza só comezará a contar no Estado cando se faga valer politicamente a través dunha forza política propia, que non teña máis obedicencia que a defensa dos intereses dos galegos e das galegas, como fixo sempre o Bloque no Congreso.

Por contra, ningún dos 23 deputados e deputadas electas por Galiza fixo proposta algunha na que se vinculase o apoio ao aspirante á Presidencia a poñer sobre a mesa solucións as urxencias deste país. “Muda e desaparecida”, subliñou Pontón, “así estivo Galiza nas semanas previas ao pleno de investidura e así estivo no debate,convertida nunha mera anotación a pé de páxina”.