O debate de investidura confirma o ninguneo a Galiza e a crise dun réxime que non recoñece as nacións sen estado

Ana Pontón
Ana Pontón

O fallido debate de investidura volveu confirmar, na súa segunda xornada, a falta de peso político de Galiza dentro do Estado consecuencia da irrelevancia á que a conducen as forzas estatais dun signo político e de outro, máis aló dalgunha mención ritual, e sen que ningún dos 23 deputados e deputadas electas por Galiza condicionara o seu apoio a Pedro Sánchez a dar solucións a calquera das cuestións urxentes que están sobre a mesa.

“Euskadi e Catalunya estiveron presentes con voz propia da man de forzas políticas que representaban os seus pobos, pero Galiza non porque a única forza capaz de darlle voz propia, sen supeditacións, capaz de colocar a este país na axenda do Estado e defender os intereses do País é o BNG”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, para quen “o resultado da votación que impide de momento chegar a acordos para conformar goberno demostra a crise do réxime actual incapaz de recoñecer a plurinacionalidade do Estado español”.

A líder da formación nacionalista incide en que o debate mostrou aos líderes das forzas estatais “máis preocupados polo seu futuro persoal e instalados en posicións partidistas, en particular un PSOE encastelado, que en buscar cambios de fondo a favor das maiorías sociais. Un exemplo paradigmático e que eliminaran do debate a derrogación das contrarreformas laborais que tanto precarizan a vida de miles de persoas. É comprensible o fastío crecente da cidadanía ante a irresponsabilidade, o partidismo e a falta de altura política demostrada no debate de investidura”, declarou.

En relación á ausencia de Galiza, Pontón citou dous exemplos da intervención do aspirante á Presidencia do Estado para mostrar até que punto foi ignorada polas forzas estatais. O primeiro na xornada de inicio do debate no que, ao abordar a cuestión da alta velocidade, fixo referencia a Cantabria pero ignorou Galiza. E a segunda na xornada de debate de hoxe cunha mención específica ao estatuto para as industrias electrointensivas con referencia concreta á importancia que tiña este asunto en Euskadi e Asturias, pero de novo obviando que en Galiza hai en xogo miles de empregos pola mesma cuestión.

“O debate de investidura confirma que só unha forza propia como o BNG garante que Galiza teña peso na política e na axenda do Estado, porque o noso principal obxectivo é a defensa dos intereses dos galegos e das galegas, como fixo sempre o Bloque no Congreso, sen que ninguén desde Madrid nos poida poñer límites nin liñas vermellas”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG