Davila tilda a intervención de Draghi no Congreso de "inaceitábel, só veu dar as bendicións a Rajoy"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, afirmou após da xunta mantida co Presidente do BCE, Mario Draghi, que “veu a bendecir as políticas do Goberno Rajoy con total secretismo e a porta pechada porque é unha vergoña”.

Davila cualificou a intervención de Draghi de “inaceitábel, vergoñenta e inadmisíbel. Por riba, tanto secretismo, e tanto oscurantismo cando non dixo nada novidoso, nada que nos sorprendera vindo dun órgao como o BCE que está amparando os intereses da banca privada en lugar de actuar como un auténtico prestamista dos Estados en dificuldades”.

A portavoz do BNG denunciou que en ningún momento falou do papel do BCE, nen dun cambio no Banco Central Europeo. Veu a impartir as bendicións a Rajoy, a darlle palmadiñas no lombo por todas as políticas de recortes e veu a suxerir aínda máis”.

“Queren que traballemos máis por menos”

Davila puxo de manifesto que Draghi repetiu até en tres ocasións a necesidade de combinar “máis productividade con moderación salarial. Traballar máis por menos salarios, producir máis cobrando moito menos. É dicer, voltar a masas salariais propias das décadas dos anos 60 ou 70. Veu aquí a peder un sistema de relacións laborais doutras épocas pasadas, presidido por un abaratamento total da forza de traballo”.

Para a parlamentar nacionalista “foi unha intervención previsíbel porque son as políticas que está ordenando a UE”. Salientou o feito de que o Presidente do BCE dixera que no Estado español houbo un exceso de crédito das entidades financeiras, “entón temos que concluir que é o Estado español o que debería estar desafiuzando aos bancos, e non os bancos á xente”.

Davila concluiu que “para o BNG é verdadeiramente preocupante que se veñan a ditar políticas deste estilo e incluso se propoña ir máis alá. Esta é unha cadea que hai que rachar non podemos permitir que queiran facer de nós auténticos escravos ao servizo dos grandes poderes financeiros”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG