Davila reclama ao Presidente do FROB unha solución global para os 35.000 preferentistas pendentes

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, dirixiuse este meiodía ao Presidente do FROB polo “oscurantista” proceso de venda de NGB e pola situación dos 35.000 casos de preferentistas aínda pendentes.

Davila lembrou que o BNG pediu en reiteradas ocasións a comparecencia do Presidente do FROB debido ás preocupantes informacións en torno ao proceso de venda de Novagaliciabanco banco que apuntaban a un “proceso oscurantista”. Pediulle explicacións polas presas en vender o que quedaba da caixa galega porque os xestores aseguraban que se trataba dunha entidade solvente e que tiña viabilidade.

Criticou a portavoz do BNG a venda de NGB, operación na que se “perderon 8.000 millóns de euros. Unha operación que se debe explicar a todos os contribuíntes” dado que NCG era unha entidade nacionalizada. Davila tamén reprochou ao Goberno que non se aproveitase a súa participación pública para convertilo nun banco público, “algo que non só demandou o BNG senón moitas outras voces”.

35.000 PREFERENTISTAS AINDA PENDENTES

A portavoz do BNG fixo especial fincapé na situación dos 35.000 afectados (de NGB) pola estafa das preferentes que aínda non recuperaron o 100% dos seus aforros. Explicou Davila que 5.000 deses afectados presentaron demandas xudicias, houbo 556 sentenzas e 550 foron favorábeis aos demandantes. Ademáis, engadiu, hai 1.813 acordos extra xudiciais nas que se recoñece a devolución do 100%.

A deputada nacionalista subliñou o feito de que até a venda de NGB foi o FROB quen asumiu a devolución das cantidades aos afectados polas preferentes. “Pero que vai pasar a partir de agora cos 35.000 afectados aínda pendentes? Quen lles vai devolver as quitas, a nova entidade ou o FROB?”. Son algunhas das preguntas que a deputada do BNG formulou ao responsábel do FROB.

Outra das cuestións que Davila puxo enriba da mesa foi a relativas aos títulos de accións. Referiuse aos afectados cuxas preferentes foron canxeadas por accións. “Vostede dixo aquí que quedan fóra do proceso de venda de NGB. Entón, en qué situación fican eses títulos? Onde van quedar esas accións?”.

A parlamentar do BNG demandou a Fernando Restoy unha solución global para os miles de afectados aínda pendentes. “Á vista das sentenzas que se están a producir, por que non se resolve o problema de maneira colectiva e se lles devolve o 100%? Por que non se resolve os 30.000 casos aínda pendentes sen que teñan que ir pola vía xudicial, evitándolles gastos de procesos?”.

Davila fixo un especial recoñecemento da loita dos miles de afectados na Galiza porque “teña por seguro de que o que están a conseguer foi a costa do grande deterioro físico e psíquico das persoas afectadas. Dubidamos de que sen a súa loita e movilización puidesen ir recuperando os seus aforros”.

“Asuman dunha vez este problema de maneira colectiva e devolvan a totalidade do que lles corresponde aos afectados”, demandou a deputada do BNG.

RESPOSTA DE FERNANDO RESTOY: admite que na venda de NGB se perderon moitos cartos. No tema dos preferentistas: derivouno á vía xudicial

O Presidente do FROB recoñeceu a importante perda que supuxo a venda de NGB por 1.000 millóns. Lembrou que a caixa galega foi intervida con fondos públicos por 9.000 millóns. Sinalou que o proceso de venda por 1.000 millóns reportou 728 millóns netos.

Admitiu que “na enaxenación de Caixa Galicia perdeuse unha cantidade apreciábel de cartos. É unha perda importante para os contribuíntes sen lugar a dúbidas”.

Na cuestión das preferentes, limitouse a dar os dados de afectados e cantidades pendentes, sinalando que se resolve na súa meirande parte. “O que queda pendente non é máis do 10%”. Recoñeceu que o problema non se solucionou na súa totalidade pero que “está arranxado o núcleo do problema”. E derivou o que fica pendente á vía xudicial, co cal cortou toda posibilidade dunha solución global para os casos pendentes, tal e como pedía Davila.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG