Davila, a Gayoso: "Estamos cansos de mentiras, díganos por que NCG está en mala situación"

A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, fixo unha dura crítica ao Ex Copresidente de Novacaixagalicia, Julio Fernández Gayoso, que n comparecía esta mañá na Comisión de Economía para informar sobre a situación financeira da Caixa galega.

Unha vez escoitada a comparecencia de Gayoso, Davila reclamoulle que “respostase aos por qués da situación de Novacaixagalicia porque os cidadáns o demandan e o queren saber. Vosté limitouse a expór a situación de Caixanova nos bos momentos e a súa obra social, pero non está aquí para iso senón para que aclare a mala situación de NCG”.

Neste sentido, puntualizou que o BNG sempre defendeu a pervivencia das Caixas de Aforro como entidades ligadas ao territorio, e defedeu sempre a súa obra social porque contribuiron ao desenvolvemento económico de Vigo e de Galiza.

A deputada do BNG reprochou a Gayoso que eludise as súas responsabilidades baixo o paraugas de ter só “responsabilidade institucional”. Lembroulle que para poder ser Presidente da entidade mencionada “houbo que modificar a Lei de Caixas de Galiza, polo tanto, asuma a responsabilidade que lle corresponde na situación de Novacaixagalicia”.

Exorbitantes xubilacións e indemnizacións

Davila fixo especial énfase na cuestión dos exorbitantes salarios, indemnizacións e xubilacións do directivos da entidade. “Non se pode entender que nun momento de grave crise como o actual, se acordasen retribucións millonarias. A modificación das condicións foron asinadas por vosté. Por qué nun momento económico tan grave se puxeron uns salarios tan altos?”.

Preferentes

No que atinxe ao escándalo das participacións preferentes, a deputada do BNG exixiu a Gayoso explicacións. “Non houbo información aos afectados que mercaron preferentes, só estiveron interesados en obter recursos propios esquecendo os intereses dos afectados”. Davila díxolle que “a reputación da Caixa neste tema non pode ser pior. Explique o das preferentes porque se trata dun drama que viven os afectados con pequenos aforros fundamentais”.

Informe sobre a fusión, “quen mentiu?”

A parlamentar nacionalista enfatizou as preguntas relativas ao informe que avaliaba a fusión de ambas Caixas galegas. Aludiu ao Informe que a Xunta encargou a unha empresa que parabenizou a fusión, “máis, unha vez que se fusionan a situación se volve caótica”. “Galiza ten dereito a saber por que unhas Caixas que antes estaban fortes, unha vez fusionadas teñen que acudir ao carto do FROB”. Neste sentido, preguntou a Gayoso: “Quen mentiu? Avaliou a Xunta un informe enganoso ou mentiron as Caixas?”.

Davila demandou clareza porque a cidadanía quer saber que pasou, “estamos cansos de que se nos minta. Preocúpanos que se está a facer un paripé porque o BNG non ven aquí a facer un paripé, vimos a traballar e defender os intereses da cidadanía”.

Outra das críticas que o BNG puxo enriba da mesa foi a relativa á actividade de inversión inmobiliaria. “Por que a entidade financeira que vosté dirixiu tantos anos se tivo que incorporar á inversión inmobiliaria?”. “Díganos que provocou a situación actual, que pasou, por que está todo tan mal”.

RESPOSTA DE GAYOSO:

O Ex Copresidente de Novacaixagalicia eludiu toda responsabilidade nas cuestións plantexadas polo BNG. No tema das preferentes, sinalou que “estaba en máns do Fiscal e que hai un proceso xudicial baixo demanda colectiva. Non opino dun tema subjudice”.

Reiteriou que non tiña responsabilidades executivas.

En canto ás xubilacións e indemnizacións millonarias, afirmou que “non cobrei nen un euro nunca pola miña xubilación, nen hai seis anos nen despois. Non podo facer consideracións dun tema que está en máns da Audiencia Nacional”.

E minimizou o investimento inmobiliario de Caixa Nova.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG