Davila critica a Gallardón porque a reforma da xustiza universal está a provocar "efectos perversos"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha pregunta parlamentar na Cámara na que pide a Gallardón que se retome a xustiza universal tal e como estaba antes da recente reforma exprés debido “aos efectos perversos” que está a provocar.

A deputada do BNG demanda ao Ministro de Xustiza que recapacita sobre as consecuencias que se están a producir como a posta en liberdade de narcotraficantes ou a paralización de importantes procesos relativos aos dereitos humanos.

O Goberno lexislou pola vía urxente para determinados intereses

Davila lembra que o BNG se opuxo frontalmente á reforma do artigo 23 da Lei Orgánica do Poder Xudicial, que regula as competencias dos tribunais do estado na aplicación do principio de xustiza penal universal que o Goberno do PP tramitou pola vía de urxencia. “Non apoiamos esa lei por diversos motivos, especialmente porque paralizaba causas que afectan a procesos como o “caso Couso” ou os relacionados coa persecución dos crimes do franquismo, e advertíamos da posta en liberdade de narcotraficantes por limitar a capacidade de investigar e inxuiciar barcos que portan drogas”.

A deputada nacionalista pón de manifesto que tanto nun caso como noutro se “están a cumprir os piores augurios” e indica que “temos que lamentar que xuices da Audiencia nacional teñan que pór en liberdade, como sucedeu o pasado venres 11 de abril. Van xa 16 narcotraficantes que a xustiza española se ve obrigada a deixar en liberdade”.

Subliña que nos dous autos arquivados por dous xuices distintos da Audiencia nacional sobre barcos narco, fica patente a crítica e o reproche que a xudicatura realiza a unha reforma da lei que é “contraproducente, moi perxudicial e vai en contra dun principio democrático”.

Salienta Davila que “precisamente o incremento dos efectivos na loito contra o narcotráfico, así como o feito de adicar maior vixianza e medios á persecución deste delito conlevou a redución desta perigosa actividade en lugares como a costa galega”. Ao BNG, sinala, “preocúpalle que a reforma da xustiza universal teña un efecto rebote nas actividades delictivas”.

Davila critica que o Goberno de Rajoy lexislase a toda velocidade neste eido por “razóns que non explicou claramente, especialmente para evitar conflitos e problemas con terceiros paises, sobre todo EE.UU e China”.

De aí que dirixa unha batería de preguntas a Gallardón sobre este tema: “Que avaliación realizada o Ministerio dunha reforma da xustiza universal moi cuestionada desde diversos ámbitos, sobre todo o da xudicatura? No caso concreto do narcotráfico, Non cre que se vai a producir un relaxamento do control deste tipo de actividades?

En canto aos dereitos humanos, cre que familias como a do asasinado cámara galego José Couso se van dar por vencidos a pesar das restricións da lei?”.

E insta a Gallardón a dar marcha atrás, “reflexionar sobre estes aspeitos e lexislar no sentido de voltar á situación anterior no que atinxe á xustiza universal”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG