A Consellería do Mar que actuou de mala fe denegando as axudas aos proxectos iniciados polas confrarías

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado pide o abono dos salarios de seis meses adebedados ao persoal de vixilancia e biólogos e biólogas e revocar a orde de axudas que denega proxectos iniciados no mes de xullo polas confrarías de Rianxo, Carril, Vilaxoán, Ferrol, Barallobre e Asociación de redeiros da Ría de Arousa

A deputada e portavoz de Pesca do BNG, Montse Prado acusou hoxe á consellería do Mar de “actuar de mala fe denegando as axudas ás confrarías de: Rianxo, Carril, Vilaxoán, Ferrol, Barallobre e a asociación de redeiros da Ría de Arousa  para a contratación de persoal  de labores de vixilancia así como de biólogos e biólogas.

DESPEDIDOS DAS CONFRARÍAS POR FALTA DE RECURSOS

A consellería, explicou a deputada, era coñecedora, dende mediados do ano 18, que moitos proxectos serían denegados pero  actuou “con mala intención” e non informou ás confrarías. Para as confrarías, este proceder representa unha  “quebra do principio de confianza”. Por outra parte, engadiu, a falta de recursos das confrarías provocou xa cinco despidos na confraría de Barallobre e un na de Aldán.

Prado insistiu en que a crítica situación económica das confrarías é consecuencia da decisión da consellería do Mar  que se ampara nos Fondos Europeos do Mar e da Pesca, FEMP como escusa. As ordes de axuda, explicou, a nacionalista, fixéronse públicas o 7 de setembro para  proxectos  iniciados no mes de xullo e a comunicación denegando as axudas prodúcese  no mes de decembro. As confrarías asumiron os salarios, durante seis meses  das persoas que realizan os proxectos que non son propias das confrarías e que son competencia da consellería do Mar, afirmou a deputada do BNG.

A finais de decembro, reiterou   a Consellaría do Mar notifícalles ás confrarías de Rianxo, Carril, Vilaxoán, Aldán, Ferrol e Barallobre que non  admite a trámite as solicitudes que tiñan presentado, e que son destinadas  a pagar ao persoal de servizos de vixilancia e asistencias técnicas, biolog@s. Con estas actuacións contribúen á xestión de zonas de produción, conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños, que permitan mellorar as condicións de vida e de traballo das persoas que se dedican  a esta actividade e que contribúan á conservación do medio mariño e das súas especies, finalidades e obxectivos que realizan por “delegación” da Consellaría do Mar  que ostenta a titularidade das competencias.

Para a deputada, as denegacións presentan “dúbidas e irregularidades” polo que cuestionou as verdadeiras razóns polas que foron aceptados algúns proxectos e outros non. Na súa opinión, queda en entredito “a igualdade de oportunidades” ademais dunha interpretación “desproporcionada e descontextualizada” dos criterios que regulan a aplicación dos fondos FEMP.

Coa decisión de denegar estes proxectos a Consellaría do Mar está a causar un moi grave prexuízo económico ás confrarías afectadas, en primeiro lugar polo extemporánea da convocatoria e da comunicación, xa que se levan executado máis da metade dos meses dos proxectos e polo tanto asumido o custe por parte das confrarías, que  non van dispoñer de recursos para asumir eses labores,  como a confraría de Rianxo que deixará  de percibir 80.000 euros, e polo tanto, “perda de postos de traballo,  traballo desenvolvido por  profesionais, así como o  seguimento dos proxectos e control do furtivismo e  capacidade produtiva”. O resultado final será que algunhas delas veranse abocadas a un “peche seguro”

Ante esta situación, a deputada reclamou ao goberno realizar  accións  para revogar a denegación dos proxectos, sinatura dun convenio, e unha nova orde   de axudas que doten  ás confrarías de Rianxo, Carril, Vilaxoán, Aldán, Ferrol e Barallobre dos recursos económicos similares aos que tiñan previsto percibir polos proxectos presentados á Orde do 7 de setembro pola que se establecían as bases reguladoras xerais e se convocaban para 2018, en réxime de concorrencia competitiva, axudas a proxectos colectivos financiados polo Fondo Europeo Marítimo da Pesca (FEMP) que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos ecosistemas, así como do fomento da sensibilización ambiental.

A parlamentaria reiterou que a consellería do Mar non amosou “ningunha intención” de buscar unha alternativa ao problema sobre o que ten  competencias, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG