PARLAMENTO GALEGO

A Consellaría do Mar facilita a importación de semente de moluscos bivalvos en detrimento da produción autóctona

Montse Prado
Montse Prado
Montse Prado acusa á consellería de Mar de “liquidar” o  sector marisqueiro galego nos últimos dez anos de goberno do Partido popular beneficiando ao  sector privado
A Consellaría do Mar facilita a importación de semente de moluscos bivalvos en detrimento da produción autóctona

A deputada do BNG, Montse Prado formulou hoxe unha pregunta ao goberno sobre os datos referidos á semente de moluscos bivalvos importados con destino aos bancos marisqueiros de Galiza e a demanda do sector para a súa produción. A parlamentaria lembrou o compromiso da conselleira Quintana  no ano 2009 para incrementar o número de persoas para o marisqueo, sobre todo mulleres sen embargo, os datos confirman todo o contrario. “A consellería do Mar converteuse na liquidadora do sector” porque o marisqueo galego debería ser “unha potencia” pola calidade e condicións do produto e sen embargo constatamos que dez anos despois, hai “419 permes menos e máis de mil mulleres menos traballando no marisqueo”.

Prado afirmou que “non hai relevo xeracional, as condicións laborais son moi duras, escasa formación, non se recoñecen as enfermidades profesionais, e unha renda cunha media de 500  euros ao mes”. Pero, a maiores, dixo, tamén temos “escaseza de recurso” de especies propias e de maior valor e custe no mercados fronte o aumento de especies foráneas como a ameixa xapónica.

A deputada comparou os datos dos últimos 9 anos e asegurou que a ameixa babosa tiña unha produción de un millón 178 mil quilos cun valor de 14 M€, a ameixa fina no  2009, 826 mil quilos e 15 millóns de euros de facturación e ao peche do ano 2018 contamos con 354  mil quilos  e cinco millóns de euros menos.

A nacionalista afirmou que en Galiza existe moi pouca cantidade de semente para repoboar os bancos marisqueiros e as promesas do Partido popular formuladas hai dez anos para que Galiza deixara de depender da importación masiva de cría de especies foráneas  quedaron en “promesas electorais”.

Neste sentido,  preguntou se Galiza pode permitirse o luxo de non contar con cría de especies autóctonas e continuar repoboando as zonas de marisqueo con ameixa xapónica e especies de menor calidade e valor comercial. No BNG, recalcou cremos que a situación debe mudar e dar resposta á demanda do sector para producir semente autóctona.

Qué medidas impulsou a consellería para que Galiza deixe de ser dependente doutros países en materia de semente de moluscos bivalvos? volveu a preguntar. A deputada concluíu alertando do peche de bancos marisqueiros  galegos e lamentou que o goberno galego non poña en marcha medidas urxentes para que Galiza volva a ser unha potencia no sector.

Trala resposta da directora xeral de pesca e acuicultura, Mercedes Rodríguez, a deputada do BNG reiterou que despois de dez anos, a principal iniciativa da  consellería do Mar  foi derivar gran parte da actividade do marisqueo ao sector privado ao que sumou o  incumprimento das promesas do Partido popular. “O modelo do PP fracasou, hai menores capturas e rendas”, remarcou Prado.