Galegas 2016

A confianza dada servirá para ter unha voz clara na defensa dos intereses sociais e nacionais de Galiza

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, valora os resultados electorais
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, valora os resultados electorais
  • Non son os resultados polos que traballamos, dixo, pero “o camiño está trazado” para fortalecer o proxecto nacionalista coa ilusión e o apoio social expresado nas urnas

“O apoio electoral recibido servirá para ter no Parlamento unha voz clara e contundente na defensa dos intereses sociais e nacionais. Non imos defraudar a confianza dada, e cada voto é unha esperanza para seguir traballando pola Galiza que queremos construír”. Así valoraba a candidata á Presidencia da Xunta e portavoz nacional, Ana Pontón, os resultados electorais do 25S.

Pontón subliñou que non son os resultados “polos que traballamos nesta campaña”, posto que se pretendía a derrota do PP e se buscaba un cambio político en clave galega “que finalmente non foi posible”. Pero a lectura, recalcou, “non ten que ser a desesperanza porque somos persoas valentes que imos seguir traballando para defender este país, somos persoas que non tiramos a toalla, nin nos arrugamos”.

Neste sentido, a líder nacionalista foi clara ao asegurar que o “camiño está trazado” para empezar a traballar no fortalecemento de alternativa nacionalista “a partir de mañá mesmo”, grazas ao “motor do apoio social expresado nas urnas este 25S”.

“Iniciamos un tempo novo con está campaña na que mobilizamos ilusións e esperanzas que van ser o sostén para construír o futuro. O camiño está iniciado, a ilusión e a esperanza que conseguimos xerar son para nós o motor que fará que sigamos fortalecendo unha alternativa nacionalista en Galiza”, explicou a portavoz nacional.

Tras ter “desmontado” todas as enquisas, -”tiñamos razón cando dicíamos que a enquisa verdadeira era a desta noite”-, a candidata do Bloque subliñou que o resultado electoral “marca un punto de inflexión” porque, reiterou, “supón un alento para seguir construíndo e fortalecendo unha alternativa de país e demostra que somos un proxecto con capacidade para sumar un futuro mellor”.

Pontón fixo un recoñecemento e un agradecemento expreso a toda militancia e simpatizantes, a todos os candidatos e candidatas polo “extraordinario” traballo realizado durante a campaña, que foi capaz de crear unha “onda de ilusión” polo BNG que se plasmou no resultado electoral. Un recoñecemento que fixo extensivo as organizacións políticas de BNG-NÓS, FOGA e PCPG, que formaban parte da candidatura.

Terceiras eleccións

En relación á posibilidade dunhas terceiras eleccións, interpelada pol@s xornalistas, Pontón contestou rotunda que se hai nova convocatoria estatal, o BNG pelexara por ter voz no Congreso. “Se hai terceiras eleccións iremos a por todas, porque consideramos moi necesario para Galiza que a voz do Bloque volva escoitarse en Madrid”.

O BNG reunirá mañá mesmo á Executiva nacional para facer unha valoración máis detallada dos resultados electorais e do escenario de traballo que se abre a continuación deste 25S.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG