Debate sobre o modelo de financiamento

Ana Pontón: "A conferencia de presidentes foi decpecionante e sáldase cun pacto PP-PSOE para afondar na recentralización"

AnaPontonRP
  • Reclama unha negociación bilateral Galiza-Estado para que os temas que interesan ao país “non se dilúan como terrón de azucre nun café para todos”, alega

O BNG cualifica de “decepcionante” o resultado da conferencia de presidentes convocada para negociar un novo modelo de financiamento, pero que se saldou cun gran pacto entre PP e PSOE para seguir afondando no proceso de recentralización de competencias, que tanto prexudica a Galiza.

“Non se concretou nada relevante”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, quen describiu o encontro como “gran escenificación dun acordo PP-PSOE para que nada cambie, e afondar nun modelo de recentralización en ámbitos como a sanidade, a educación ou a fiscalidade, que en ningún caso vai ser positivo para Galiza”. Estamos, dixo, “nunha reedición dos pactos da Transición nun momento de crise,  facer que algo cambie para que nada cambie”.

Pontón lamentou “a falta de peso político de Feijóo e a súa incapacidade para defender con ambición de país os intereses dos galegos e das galegas”. Neste sentido, se algo puxo de manifesto o encontro é a necesidade de que Galiza teña unha relación bilateral co Estado, “para debater de ti a ti, do contrario as cuestións importantes para este país vanse diluír como un terrón de azucre nesta reedición de  café para todos”.

O BNG considera que non chega con parchear o actual modelo, que lle permite ao Estado facer caixa por valor de 3.000 millóns de euros con Galiza, a diferenza entre o que recada e o que inviste aquí. “Para mellorar o financiamento hai que mudar o modelo e apostar por un concerto económico que nos permita a xestión de todos os recursos e facer unha política fiscal xusta”, explicou.

Neste sentido, a dirixente do Bloque lembroulle a Feijóo que, “máis aló da súa demagoxia”, foi o PP quen máis subiu os impostos, “o IVE dun xeito desproporcionado”. Pontón tamén amosou a súa sorpresa polo feito de que fose o PSOE quen puxera enriba da mesa a harmonización fiscal, “que na práctica significa eliminar a autonomía fiscal dos territorios”.

A dirixente do Bloque avanzou que afondará no tema do financiamento autonómico no próximo pleno na sesión de control ao presidente da Xunta.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG