Concerto Sergas-Povisa, outro paso de Feijóo cara a privatización da sanidade pública

SOS SANIDADE PUBLICA

O BNG leva ao Parlamento galego a renovación do convenio entre o Sergas e Povisa por un máximo de dez anos a razón de 75 millóns de euros anuais, que implica a entrega a este centro hospitalario privado da asistencia especializada dunha poboación de 139.000 persoas na área sanitaria de Vigo.

O Grupo Parlamentar nacionalista considera que esta renovación confirma que o Goberno galego segue adiante coa súa política de privatización da sanidade pública, razón pola que a portavoz de Sanidade, Montse Prado, quere que Feijóo “explique no Parlamento como casa este convenio coas súas declaracións de que a Xunta non está a privatizar servizos sanitarios, negando a evidencia que esta renovación pon unha vez máis de manifesto”.

“Confirma a aposta do PP por privatizar a sanidade pública galega, fronte aos recortes e o desmantelamento progresivo do sistema público de saúde”, denuncia Prado, quen tamén subliña que a renovación do Sergas con Povisa “se materializa polo mesmo importe que o ata agora en vigor, mentres que desde que Feijóo preside a Xunta recortou en 370 millóns de euros o orzamento destinado á sanidade pública”.

Igualmente, a deputada nacionalista reclama que o Goberno xustifique en sede parlamentar as razóns polas que renova convenio cun centro privado “con serios problemas de eficiencia, como o demostra o feito de ter listas de espera que triplican a media dos hospitais públicos galegos, e que leva anos provocando malestar e insatisfacción na poboación do Morrazo, Val Miñor e varios barrios de Vigo obrigatoriamente adscrita a este centro para recibir atención especializada”.

Prado chama a atención sobre a “enorme” subvención pública que recibirá este centro a través deste convenio que agora se renova, “mentres se recorta asistencia, se abandona a mellora da atención primaria e se paraliza a actividade dos hospitais pola tarde”. A través dunha batería de iniciativas na Cámara, que inclúe unha pregunta ao presidente da Xunta en Pleno, o BNG pide explicacións ao Goberno sobre un convenio que supón un novo drenaxe de recursos de toda a cidadanía para a sanidade privada en detrimento da pública.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG