Comunicado da Executiva Nacional do BNG ante o 'Brexit'

Comunicado da Executiva Nacional do BNG ante o 'Brexit'

 

BNG reitera a súa oposición á UE e aposta por unha Europa dos pobos, social e verdadeiramente democrática

 

O resultado do referendo realizado no 23 de xuño en Gran Bretaña sobre a pertenza á Unión Europea reabre de cheo o debate sobre o funcionamento da Europa comunitaria e supón, no fondo, unha severa crítica democrática ás políticas desenvolvidas, caracterizadas por rachar a cohesión social e privilexiar os intereses do capital financeiro e das grandes corporacións, para o que tamén precisaron dun funcionamento opaco e nada democrático.

Ao longo dos últimos anos de crise económica a Unión Europea, como un dos actores principais da denominada Troika, foi o principal valedor da aplicación de recortes sociais, da laminación de dereitos e conquistas para as maiorías sociais, de rescatar economías quebradas pola burbulla financeira a base de manter os privilexios para o capital financeiro e a custa de deteriorar as condicións de vida das clases populares.

O BNG mantivo desde sempre unha posición crítica ante o o modelo económico e social que representa a Unión Europea, que se manifestou na oposición á entrada no Mercado Común Europeo e en posicións contrarias ao Tratado de Maastricht e ao referendo da Constitución Europea que, lembremos, foi derrotada tamén en referendo noutro Estado central da Unión Europea, Franza.

Como trazo común caracterizamos este proceso por estar ao servizo de intereses económicos de grandes corporacións e oligopolios, lesivo para as maiorías sociais e que, no caso de Galiza, provocou consecuencias dramáticas en termos de desmantelamento dos principais sectores produtivos galegos, de perda de emprego, de freo ao aproveitamento das nosas potencialidades económicas e, por tanto, ás posibilidades de promover un desenvolvemento económico autocentrado.

Mais, ao mesmo tempo, este proceso tamén se caracterizou por un máis que evidente déficit democrático, negando os dereitos dos pobos e as posibilidades de participación real e de control e privilexiando a adopción das principais decisións por parte dunha elite burocrática ao servizo dos intereses oligárquicos. Han de tomar nota, por tanto, os gobernantes e gobernos que persisten en negar o dereito a que os pobos e nacións decidan por procesos democráticos os asuntos relevantes para o seu futuro.

Fronte á UE, que claramente prexudicou a Galiza e fanou as posibilidades de termos maiores cotas de desenvolvemento e benestar, o BNG sempre apostou nunha Europa que tomase como bases a vontade democrática das nacións e dos pobos, nunha Europa social e realmente democrática. E cremos que hoxe esa posición gaña forza e está máis de actualidade que nunca.

Fronte ao medo e alarmismo que de certo veremos nos próximos días, urxe aproveitar esta oportunidade para defender unha alternativa que teña como base o recoñecemento de pobos e nacións, os dereitos sociais e o respecto á democracia. Un modelo que devolva aos pobos o control da economía e que aposte pola igualdade e a cohesión social.

Desde o BNG nunca practicamos o "europapanatismo". Boa parte da esquerda europea sumouse entusiasticamente a un proxecto que instaura o neoliberalismo como dogma. Este desnorte e falta de valentía de boa parte da esquerda europea ten provocado a súa asunción do pensamento neoliberal e recortes das liberdades e da democracia.

Con independencia das razóns que puideren estar detrás de cada voto parece claro que un dos efectos do resultado é reavivar un debate necesario, tamén en aspectos que están da máxima actualidade, como as ansias de soberanía das nacións ou a resposta a crises políticas e humanitarias como a das persoas refuxiadas.

Cabe lembrar que a ameaza das consecuencias da saída da UE foi utilizada como arma do medo polo chauvinismo inglés/británico contra a independencia de Escocia no referendo que decorreu hai dous anos. Paradoxalmente, agora é o electorado inglés pro-británico o que obriga Escocia a saír da UE. Tamén no Estado español os partidos do sistema empregaron de forma sistemática esta ameaza contra o proceso en andamento para a independencia de Cataluña. Non é aceptábel unha Unión Europea que nega os dereitos das nacións e que, ademais, é utilizada como ariete contra os pobos que pretenden exercer a democracia e a autodeterminación.

Todo parece indicar que un dos elementos esenciais de debate foi a cuestión da inmigración e das persoas refuxiadas. Pois ben, desde unha posición claramente de denuncia das prácticas imperialistas, militaristas e neocolonialistas dos propios estados europeos, que provocan dramas humanos de tal magnitude, é bon lembrar que é a mesma Unión Europea a que está a desenvolver políticas xenófobas, insolidarias e deshumanas; que está a levantar barreiras de arame farpado nas fronteiras; a crear campos de concentración; a expulsar persoas todos os días e que asinou un acordo cruel, ilegal e criminal con Turquía, contra o que se mobilizou o Bloque Nacionalista Galego. Non é posíbel, por tanto, tentar xustificar esta UE con base en que representa políticas de acollemento integradoras fronte a un certo electorado británico xenófobo, porque é precisamente a Unión Europea a primeira a practicar esas políticas inhumanas e insolidarias.

Por último, convén destacar que na Galiza só o BNG se manifesta favorábel a unha Europa dos pobos, social e democrática fronte a esta UE ao servizo do capital. As catro principais forzas políticas españolas pronunciáronse claramente a favor da permanencia do Reino Unido na UE e da propia Unión Europea. Esta realidade pon aínda máis en evidencia a necesidade dun proxecto nacionalista forte para defender os intereses do pobo galego sempre e en todo lugar, na propia Galiza, no Estado e en Europa.

A Galiza ten que poder decidir libremente sobre os seus intereses e tamén ter capacidade de falar e negociar directamente nas institucións europeas, internacionais ou con terceiros países. Sabemos que temos a razón do noso lado e, por tanto, temos tamén a certeza de que habemos de gañar o futuro.

Comunicado da Executiva Nacional do BNG ante o 'Brexit'