Parlamento Europeo

A Comisión Europea confirma ao BNG que en 2021 terá lugar a misión de verificación dos residuos radioactivos na costa galega

dav

Ana Miranda salienta que o programa de control dos residuos nucleares da Foxa Atlántica desenvolverase 40 anos despois das protestas do Xurelo

No primeiro semestre de 2021 a Comisión Europea desenvolverá a verificación do seguimento da radioactividade do medio mariño en augas galegas, segundo explica a propia Comisión en resposta a unha pregunta formulada pola portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, a través da coalición Agora Repúblicas. “Desta forma temos resposta a unha longa demanda das asociacións ecoloxistas galegas, un de cuxos emblemas é o barco Xurelo”, salienta.

Inicialmente, a misión de verificación estaba prevista para o 2020, mais a actual situación de pandemia provocou que a Comisión aprazase a verificación até o primeiro semestre de 2021, algo “totalmente comprensible”, a xuízo de Ana Miranda, quen considera que o “problema non é que debido a situación causada polo coronavirus a misión pase de 2020 a 2021, senón que pasaran máis de 40 anos sen verificar en que estado se atopan os residuos”.

Neste sentido, a portavoz do BNG en Europa lembra que na Foxa Atlántica están depositadas 140.000 toneladas de residuos nucleares, que foron depositados neste emprazamento entre 1949 e 1982 nun total 220.000 bidóns. “Pese a que segundo ten recoñecido a Comisión son os Estados Membros os responsables de controlar a radioactividade das súas augas, o Estado español non ten abordado especificamente ningún plan de control da radioactividade nesta zona aducindo que eses depósitos están fóra das súas augas”, denuncia Miranda.

Contradicións da Comisión

Por outro lado, Ana Miranda tamén se mostra moi crítica coa propia Comisión, xa que na súa resposta sinala que as verificacións se levan a cabo periodicamente en virtude do artigo 35 do Tratado Euratom, segundo un programa continuado que los servizos da Comisión actualizan periodicamente. “Resulta inaudito que a Comisión diga que desenvolve un programa continuado cando ten admitido que non dispón de información actualizada do estado dos bidóns e que os últimos informes cos que conta, referidos ás augas do Atlántico Norte, datan de 1990 e 2003”, manifesta.

“Cando a Comisión organice a misión de verificación dos bidóns con residuos nucleares cumpriranse 40 anos das protestas protagonizadas polo barco Xurelo”, salienta Ana Miranda, quen lembra que o Xurelo enfrontouse en dúas ocasións aos cargueiros que depositaban os bidóns a 650 quilómetros da costa galega. Ao respecto lembra que en maio de 2019, o porto da Coruña acolleu unha protesta que contou coa participación do escritor Manuel Rivas, así como diferentes persoas que estiveron no barco Xurelo en 1981 para protestar contra o impacto destes residuos sobre o medio ambiente e os ecosistemas mariños, como Manuel Méndez e Gonzalo Vázquez Pozo, entre outros.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG