Xerais 2019 (10N)

Carme da Silva sitúa ao BNG como única forza que defende Galiza e loitará por dereitos e liberdades

Encontro Vigo
Encontro Vigo
A cabeza de lista asegura que o Bloque ten “ao alcance da man” a representación en Madrid e insta aos indecisos “que lle queren ao país” a votar para que Galiza conte

Vigo serviu hoxe como escenario á cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carme da Silva, para reivindicar ao Bloque Nacionalista Galego como única forza con capacidade para defender os intereses de Galiza dende unha visión propia de país e tamén para loitar por dereitos sociais e liberdades. Da Silva resaltou que a día de hoxe, amais de alternarse na discriminación e esquecemento coas súas políticas e orzamentos cara a Galiza, as forzas políticas estatais mantiveron vixentes as contrarreformas laborais, a Lei mordaza ou a Lomce, grandemente lesivas para cidadanía.

Nun encontro con representantes de diferentes colectivos e entidades fixo un repaso polo argumentario e polo programa do BNG, e animou a todas as persoas “desencantadas e cabreadas” coa inutilidade dos partidos centralistas a que cambien o seu voto e, independentemente de que “sexan ou non nacionalistas e se lle queren ao país”, miren cara o Bloque como unha alternativa de garantías para defender os seus intereses e os do país ao votar o vindeiro domingo.

Da Silva trasladou que apoiando o BNG no Congreso estarán na mesa a derrogación das reformas laborais, da Lomce, Lei mordaza, entre outras, así como as políticas para un acceso real á vivenda e pensións dignas. “Tanto PSOE como o PP tiveron oportunidade de facer outra política de vivenda e non o fixeron. Tiveron oportunidade de mellorar as pensións dos galegos e galegas e non o fixeron, son as segundas peores do Estado”, afeou.

Engadiu que “a representación do BNG, como única forza política que ten o seu centro de decisión aquí, vai servir para que a sociedade galega mellore a súa calidade de vida. O noso obxectivo a partir do día 10 é traballar con intensidade para que así sexa. Non imos a Madrid a quentar un sillón, imos a traballar como xa fixo antes Olaia Fernández Davila, e agora con máis forza pola ilusión que percibimos”, xa que a representación “está ao alcance da man”, manifestou optimista.

Traballo para a xente moza

En materia laboral Da Silva puxo por diante a necesidade de desenvolver os sectores produtivos propios e aproveitar os sectores nos que Galiza é unha potencia. “Téñennos que deixar producir, traballar nos nosos sectores para crear emprego e riqueza no país para que a xente moza non marche –dixo-, e non poñer paus nas rodas”, destacou, falando do necesario plan de industrialización para a comarca de Vigo e do apoio que debe recibir o sector naval.

No ámbito xeral, a candidata falou da necesidade de derrogar as contrarreformas laborais e restaurar plenamente a negociación colectiva, retomar unha regulación máis equitativa para asegurar que a contratación indefinida sexa a regra xeral e eliminar os contratos lixo, subir o salario mínimo interprofesional e a desenvolver o Marco Galego de Relacións Laborais. “Non derrogaron esas reformas porque non lles deu a gana, séntense cómodos con elas”, subliñou.

No relativo a pensións, avogou tamén por derrogar a lei que supuxo unha contrarreforma brutal das pensións, a suba progresiva da pensión mínima para impedir bolsas de pobreza, algo especialmente importante na Galiza porque é onde hai a maior proporción de pensións mínimas.

Amais, Da Silva puxo o foco “no agresivo proceso de involución democrática e recorte de dereitos e liberdades” que se está a vivir nos últimos anos. Subliñou que o BNG defenderá a derrogación da Lei da mordaza e das reformas regresivas do Código Penal, que permite “accións arbitrarias da policía ou da xudicatura neofranquista que vulneran, en moitas ocasións, dereitos esenciais”. “A lei mordaza encántalles porque impide mobilizacións... e cunha crise chamando ás portas na área de Vigo, queren leis que as prohíban, ao igual que queren leis que condeen a sindicalistas por se mobilizar”, subliñou.

Ensino, dependencia e vivenda

No ámbito do ensino Da Silva tamén fixo fincapé, lembrando que en Vigo houbo unha resposta masiva contra as reformas, en que é preciso derrogar a Lomce de forma urxente, xa que “prohibe en Galiza dar aulas de matemáticas e química en galego”.

Tamén salientou a necesidade de dotar de fondos á Lei de dependencia e lembrou que Galiza sofre unha situación demográfica desastrosa. “Pero como imos ter rapaces e rapazas se a xente moza está toda fóra? Que medidas toman para que poidan traballar e asentar a súa vida con dignidade aquí?”, cuestionouse. “Da Silva subliñou tamén a necesidade dun acceso digno á vivenda, tema recollido na Constitución Española “á que tantas veces fan referencia para outras cousas, pero que non atenden a pesares de ser un tema tan vital”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG