Xerais 2019 (10N)

Carme da Silva reivindica a transferencia a Galiza da AP-9 e a gratuidade para todos os galegos e galegas

Acto AP-9
Acto AP-9

A cabeza de lista do BNG para o 10N asegura que é “intolerábel” que se manteña “secuestrada a vía de comunicación máis importante de Galiza”

Afirma que PP e PSOE altérnanse “na tomadura de pelo a galegas e galegos” e que “só se Galiza ten capacidade en Madrid da man do BNG deixaremos de pagar a peaxe”

Ao pé da autoestrada do Atlántico (AP-9), un eixo de comunicación fundamental para o país, a cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra Carme da Silva reivindicou hoxe a súa transferencia a Galiza e a gratuidade para todos os galegos e galegas. A nacionalista asegurou que resulta intolerábel que a concesionaria manteña “secuestrada” a vía coa connivencia dos gobernos do PP e do PSOE que, ao seu entender, altérnanse “na tomadura de pelo aos galegos”. Subliñou, de feito, que “só se Galiza ten capacidade de decidir en Madrid cunha voz propia, da man do BNG, as galegas e galegos deixaremos de pagar a peaxe”.

Da Silva destacou que día tras día séguese a constatar que Galiza segue a pagar as portaxes máis caras do Estado mentres se liberaron portaxes noutras zonas pola capacidade de incidencia e negociación que tiñan as súas forzas políticas propias. “No BNG sabemos que ou Galiza ten capacidade para defender os seus intereses a AP9 seguirá sen transferirse”, porque tanto PP como Partido Socialista falan da súa transferencia só cando non teñen responsabilidades de goberno no Estado español.

“O que fan PP e PSOE é alternando nesta tomadura de pelo a galegas e galegos, pontevedresas e pontevedreses que seguimos aturando esta estafa de portaxe”, dixo, para engadir, que a pesares de que a AP-9 é unha vía de comunicación fundamental para Galiza está xestionada a centos de quilómetros de distancia por unha empresa que a ten secuestrada “e que o único que fai é obter beneficios mentres seguen a  incrementarse ano tras ano os perxuízos para a toda a xente da provincia de Pontevedra, xente de Pontevedra, de Vigo, do Salnés... Algo que é algo absolutamente intolerábel”, salientou. 

Acto AP-9De feito, subliñou que para o BNG a transferencia e a gratuidade da peaxe serán  “unha condición fundamental, unha liña estratéxica” a defender no Congreso cando o recupere a partir de novembro, co apoio da sociedade de Pontevedra, a súa representación no Congreso. 

Da Silva realizou estas declaracións despois de saír dun encontro con representantes veciñais de Trasmañó, Teis e Redondela no que se puxo sobre a mesa algo que para p BNG é fundamental: a necesidade de eliminar a portaxe nese treito, e ademais que se lle dea carácter urbano ao paso da autopista por esas zonas. 

Segundo a nacionalista esta é unha reivindicación histórica “mil veces prometida e mil veces incumprida” por outras forzas políticas. “En calquera cidade un treito de vía desas características hai moito tempo que tería carácter urbano, que se tería permeabilizado e diminído a velocidade. Ten que se lle dar un carácter no que as persoas pasan a ser fundamentais, que é o que debe mandar nun tramo urbano, non o que acontece neste caso, onde están atravesados por unha vía de comunicación que incomunica as súas parroquias”, finalizou. 

A conversión do treito Rande-Vigo en urbano, prioritario

Pola súa banda, a candidata ao Senado e redondelá Cecilia Pérez Orge, puxo de manifesto a “discriminación absoluta á que nos someten aos redondeláns e redondelás co tema da peaxe de Rande”. 

Segundo explicou, a veciñanza ten claro que o problema non se soluciona por falta de vontade política tanto do Partido Popular como do Partido Socialista. “Vémolo a nivel do Parlamento do Estado, pero tamén o podemos ver a nivel do Concello”, explicou, xa que antes cun alcalde do PP o PSOE era moi reivindicativo co tema, e sen embargo agora pasou a ser reivindicativo o Partido Popular ao ter unha Alcaldía do PSOE.

Ante isto, Pérez Orge comprometeuse a que o Bloque Nacionalista Galego, independentemente de quen goberne en Madrid, vai seguir facendo presión “para que a inxustiza remate dunha vez por todas”: “A única garantía de que a eliminación da peaxe de Rande estea no debate político do Congreso dos Deputados é coa presenza do Bloque Nacionalista Galego despois do día 10 de novembro”, dixo.

“Estamos traballando para que a presenza de Galiza en Madrid sexa efectiva e sexa real. Estamos a un pouquiño de conseguilo porque desta vai! O BNG vai ter representación no Congreso e dende logo unha das primeiras iniciativas que vai presentar  vai ser precisamente a eliminación da peaxe de Rande e a conversión do treito Rande-Vigo nun treito urbano”, ratificou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG