Carme da Silva reclama máis seguranza viaria nas estradas estatais que cruzan Caldas de Reis

Carme en Caldas de Reis
Carme en Caldas de Reis

A cabeza de lista insta aos desencantados e desilusionados doutras forzas políticas a que “aposten por Galiza apoiando ao BNG” 

A cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carme da Silva, defendeu hoxe no mitin das xerais en Caldas a necesidade de aumentar a seguranza viaria nas estradas estatais que cruzan o concello, eliminando o tráfico de paso de vehículos de grandes dimensións do núcleo, así como mellorando as características do resto dos treitos. Asegurou que o BNG coa súa voz no Congreso dos Deputados vai reclamar as transferencias en seguranza viaria e que se adopten as medidas orzamentarias e os compromisos necesarios para reducir o número de accidentes que se producen, “xa que se son evitables non son accidentes”.

Da Silva defendeu a transferencia dos treitos urbanos da N-550 e da N-640 no municipio caldense e sinalou que as medidas que se están a adoptar por parte do Estado para evitar a violencia viaria nestas vías “non só non funcionan, senón que todo o contrario”. Lembrou, de feito, que na Galiza no que vai de ano xa se superou “con moito” o número de accidentes do mesmo período do exercicio anterior e propuxo aplicar o ‘modelo BNG’ de seguranza viaria que se puxo en marcha no Concello de Pontevedra e que ten demostrado resultados exitosos.

A candidata pontevedresa destacou na súa intervención que o goberno do Estado “fixo oídos xordos” ata o de agora ante as demandas da vila tanto cos gobernos do PP como co goberno de Sánchez e o apoio de Unidos-En Marea, polo que fixo un chamamento aos desencantados e desilusionados doutras forzas políticas a que “aposten por Galiza apoiando ao BNG”. 

Da Silva fixo fincapé tamén na “aldraxe da AP-9” e insistiu na necesidade da súa transferencia e na eliminación das peaxes. “Por que se poden transferir as autoestradas vascas? Por que se rescatan as radiais madrileñas e a AP-9 non? En Madrid pensan que os galegos e as galegas somos de segunda división e iso non podemos permitilo. O BNG ten que dar voz a Galiza en Madrid”, dixo. Asegurou, de feito, que PP e PSOE -co apoio de Podemos e En Marea- comportáronse sobre a AP-9 como dúas gotas de auga. “O BNG é o único voto útil para Galiza. Atendendo ao que aconteceu os últimos anos, iso está claro”, subliñou. 

Outras das necesidades que Da Silva tamén apuntou e levará ao Congreso será a necesidade de completar o nó de Carracedo para facilitar a entrada á autoestrada cara a Santiago. 

Saneamento de ríos e rías

Por outra parte, Da Silva subliñou tamén que o saneamento de ríos e rías galegas será unha prioridade para o BNG en Madrid. Ante varios representantes da ‘Plataforma antiencoro’ que asistiron ao mitin electoral tanto Da Silva como o candidato á alcaldía polo BNG (Manuel Fariña) subliñaron a necesidade de desmantelamento do encoro do Umia, que cualificaron como a causa fundamental da contaminación do río. “O encoro é o que está a producir os problemas”, insistiron.

A nivel xeral Da Silva explicou que o BNG aposta polo traspaso a Galiza de todas as competencias sobre Costas e Bacías Hidrográficas, e indicou que, a pesares de que a bacía do Umia xa é competencia galega, o goberno do PP non aporta solucións nin á contaminación nin dá garantías da potabilidade da súa auga para a poboación da zona. 

Facendo listaxe de todas estas demandas locais, a nacionalista subliñou que “é fundamental que galegos e galegas poidamos ter voz sobre as cuestións que nos atinxen, e ata o de agora os 23 deputados das demarcacións galegas nas anteriores lexislaturas estiveron mudos. Só cando o BNG estivo, Galiza estivo”, subliñou a candidata, para insistir que nun escenario sen maiorías absolutas como o que se presenta, a presenza de dous ou tres deputados do BNG marcará as políticas e os orzamentos estatais a favor do país.

Pola súa banda, o candidato do BNG á Alcaldía de Caldas, Manuel Fariña, subliñou tamén a importancia de recuperar a vila “do abandono e atonía na que se atopa”. Destacou que é preciso facer de Caldas un lugar seguro e atractivo, para o que é preciso rematar co tapón que supón a elevadísima intensidade de tráfico de vehículos e camións polo centro da vila. “Temos que recuperar a seguridade viaria e esixir en Madrid alternativas para eliminar o tráfico pesado do centro de Caldas”, dixo.

Fariña tamén ironizou sobre a actuación do actual grupo municipal de goberno e salientou que “non imos a Madrid para que nos boten unha man polo lombo e pinten unha varanda sen arranxar os buratos, o BNG no Congreso servirá para que Galiza conte en Madrid”. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG