Xerais 2019 (10N)

Carme da Silva: “O proxecto do nó de Bombeiros leva en parálise absoluta dende hai catro anos”

Lores, Carme da Silva e Sobral
Lores, Carme da Silva e Sobral
A cabeza de lista do BNG para o 10N asegura que hai risco de que caduque o informe de impacto ambiental “se é que non está xa caducado”, como aconteceu coa A57

“O proxecto do nó de Bombeiros leva en parálise absoluta dende hai catro anos, xusto os que o BNG leva fóra do Congreso dos deputados”. Así o indicou hoxe a cabeza de lista do Bloque Nacionalista Galego para as eleccións do 10N, Carme da Silva, que criticou o esquecemento tanto deste proxecto por parte do PP e do PSOE durante os últimos anos que estiveron de forma alterna no goberno, e comprometeuse a solicitar a licitación inmediata dos traballos tan pronto como sexa deputada “e abra a ventaniña do Rexistro do Congreso”.

Acabeza de lista do BNG compareceu hoxe xunto aos alcaldes de Pontevedra e Poio para poñer de manifesto ese enorme retraso. Lembrou que despois de moitos anos de vaivén, no 2012 iniciouse a elaboración dun proxecto que foi seguindo trámites, e que obtivo informe de impacto ambiental no ano 2014, saíndo publicado no Boletín Oficial do Estado no mes de outubro dese ano. No mes de marzo de 2015 publicouse a aprobación provisional do proxecto aceptando parte das alegacións -mellorar a conexión peonil e ciclista e tamén o seu impacto sobre o ENIL-, saíndo no BOE en outubro a aprobación definitiva.

“Iso foi en outubro de 2015 e estamos en outubro de 2019. Dende entón está parado e non houbo ningún trámite oficial publicado nos boletíns máis alá de declaracións e anuncios propagandísticos. O único que hai é unha parálise absoluta”, insistiu, engandindo que o BNG considera que a situación non é de recibo. Subiñou que o actual enlace ten un enorme risco para a circulación e para a incorporación tanto en Pontevedra como en Poio, e tamén un risco e un tapón para o tráfico peonil entre os concellos de Pontevedra e Poio, “que é moi abundante e podería ser moito máis” .

Da Silva destacou que non se está a pedir un investimento multimillonario, xa que a obra está valorada en 6,2 millóns de euros, e “esa cifra se pode incluír como modificación orzamentaria en calquera momento”. De feito, indicou que pasados tantos anos dende aprobación ambiental e aprobación definitiva do proxecto córrese o risco de que caduque a tramitación ambiental, cousa que pasou coa A57, e que haxa que reiniciar novamente o procedemento ambiental.

“Dende logo o Bloque Nacionalista Galego no Congreso dos Deputados vai pedir que se liciten inmediatamente as obras do nudo. Nos dá igual a situación orzamentaria. A partir do 10 de novembro esixiremos que se licite, xa que o proxecto está feito e aprobado e só se xustifica a súa parálise porque non hai intención nin do PP nin do PSOE de executar esta obra”, destacou.

Da Silva engadiu que os Concellos de Pontevedra e Poio fixeron os deberes realizando obras nas súas contornas para mellorar a permeabilidade do nó, e fixo fincapé, unha vez máis en que “o que hai por parte do Estado, do Ministerio de Fomento -e dá igual quen estivese gobernando, o PP ou o PSOE, o PSOE ou o PP, porque dende o 2015 estiveron os dous no goberno-, é unha parálise absoluta”.

“Que pasou en outubro de 2015 cando foi o último trámite? “, preguntouse, para acto seguido explicar que entón o Bloque Nacionalista Galego tiña deputados no Congreso. “Este proxecto foi dando pasos pola esixencia do BNG no Congreso. A partir de decembro de 2015, cando o BNG perde a representación no Congreso este proxecto quedou absolutamente paralizado polo que é un exemplo da necesidade do BNG. É unha proba evidente de que se os galegos e as galegas non miramos polas nosas necesidades non van ser outros os que o fagan. No momento no que o BNG non está no Congreso os proxectos de Pontevedra quedan no caixón”, finalizou.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, subliñou que a remodelación do nó de Bombeiros é fundamental para Pontevedra por varias cuestións. Destacou que a día de hoxe existe unha “conexión peonil tercermundista e perigosa” entre Pontevedra e Poio, xa que ao afectar a estradas que non son de competencia municipal “o tráfico non está calmado” e tamén lembrou que o nó permitirá unha entrada e saída máis áxil da cidade pola autoestrada. Finalizou asegurando que se a día de hoxe a obra non está feita é “porque non hai vontade política”. Tamén o alcalde de Poio, Nito Sobral, fixo fincapé na mellora da mobilidade, tanto rodada como peonil, que suporía o novo nó para o Concello de Poio.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG