Xerais 2019 (10N)

Carme da Silva: “O naval é un sector estratéxico e reclamamos a intervención pública para reflotar a actividade e o emprego”

Encontro naval
Encontro naval
A cabeza de lista do BNG para o 10N asegura que a formación nacionalista reclamará un Plan de reindustrialización para Vigo e unha tarifa eléctrica galega no Congreso “como única voz que pode defender os intereses de Galiza sen ataduras”
A cabeza de lista do BNG para as eleccións do vindeiro 10N pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, afirmou hoxe en Vigo que o Estado debe declarar o sector naval como “estratéxico para Galiza” co fin de permitir unha intervención pública directa que reflote a actividade e o emprego en estaleiros como Vulcano e Barreras.

“O sector naval é un sector estratéxico para o noso país, e a economía de Vigo e a súa comarca, que é o motor industrial de Galiza, non pode permitir que morra. Queremos que a xente poida vivir en Vigo e facer aquí a súa vida”, subliñou. Engadiu que son precisas medidas políticas para poñer solución, algo que só se conseguirá, dixo, se en Madrid hai unha voz propia para Galiza da man do BNG, a única formación que non ten “ataduras” estatais e se debe unicamente aos intereses do país. “No Congreso debemos ter capacidade para tomar as decisións que necesitamos como galegos e galegas, como vigueses e viguesas”, indicou.

Da Silva destacou que dende hai anos houbo sinais de que o sector naval estaba en alto risco de desaparición na Galiza, e subliñou que agora os síntomas “xa son “alarmantes”. Lembrou que houbo decisións e actuacións totalmente erradas por parte das administracións e lembrou que aínda se poden adoptar decisións políticas no Estado e na Xunta de Galiza para que o naval non vaia a pique.

“Non hai razón para non poidamos ter estaleiros públicos ou semipúblicos e que os investimento público que se fai non reverta directamente en manter a capacidade de produción”, dixo. Reclamou tamén a creación dun Plan de reindustrialización da comarca de Vigo que aposte decididamente polo I+D+i, xa que ao seu entender, se algo caracterizou ao sector naval galego historicamente foi a súa alta competitividade e calidade. “Aquí nos estaleiros vigueses, nos galegos, facíanse produtos que ninguén máis era capaz de facer pola alta capacidade, polo nivel de investigación e innovación que tiñamos Pensamos que iso por decisións políticas se foi deixando e hai que recuperalo cun Plan de reindustrialización que apost pola innovación pola investigación e pola tecnoloxía”.

Naval VigoA nacionalista tamén fixo referencia á importancia de ter unha tarifa eléctrica galega que beneficie á industria. Asegurou que Galiza é un país que produce enerxía pero que a regala para que outras zonas teñan capacidade produtiva, por iso reclamou ao Estado unha tarifa propia que reverta tanto nas e nos usuarios domésticos como na industria. “Se Euskadi pode ter unha tarifa propia, podémola ter os galegos e galegas, debémola ter e merecémola”, subliñou, para engadir que “para iso temos que ter capacidade para decidir, ter unha voz propia no Congreso dos Deputados a partir do 10N que permita que se debatan estas cuestións que son vitais para a comarca de Vigo e son vitais para o futuro do país, xa que estamos a falar do que vai pasar en 5, 10 ou 15 anos”.

Actuacións dende o goberno galego

Da Silva realizou estas reivindicacións nun encontro con representantes de Vulcano, Barreras e as industrias auxiliares do naval vigués, aos que tamén se sumou posteriormente xunto ao parlamentario Luís Bará na concentración de protesta ante a delegación da Xunta de Galicia en Vigo.

Segundo a nacionalista, o Goberno galego debe ser parte fundamental da solución para reactivar o naval. Destacou que logo de constatar a incapacidade do capital privado para poñer en marcha as enormes potencialidades que do sector, debe apostar pola intervención pública directa e facerse co control tanto de Barreras como de Vulcano unha vez o naval sexa declarado sector estratéxico. “Por que Vigo non pode ter un estaleiro público ou semipúblico como existen noutros puntos do Estado?”, dixo.

Explicou que debe ser un obxectivo estratéxico conformar unha Corporación Industrial Pública Galega para que se volva malvender Barreras a capital foráneo e que as gradas continúen practicamente inactivas. Tamén indicou que é hora de poñer en marcha o Centro de Reparacións Navais da Ría de Vigo, para o que considerou que Vulcano polas súas instalacións e experiencia reúne as mellores condicións.

Da Silva lembrou que o BNG presenta unha candidatura formada por persoas traballadoras e comprometidas co país, ás que só lles move a defensa dos intereses galegos. “Foron moitos os anos perdidos nos que Galiza non tivo representación en Madrid e que as consecuencias están hoxe á vista. Era diferente cando o BNG daba voz ao país da man de Olaia Fernández Davila, por exemplo, conseguindo orzamentos e capacidade de decisión ”, finalizou.

No encontro co persoal do sector naval tamén estiveron presentes a tamén candidata Cristina Hermida Moinelo; o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas; e a ex parlamentaria Olaia Fernández, entre outros representantes locais.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG