Xerais 2019

Carme da Silva: “Hai que sumar no BNG os votos da xente que lle quere a Galiza e quere parar á dereitona rancia”

A candidata asegura en Soutomaior que o Bloque é a opción mellor colocada para gañar un escano en Pontevedra a Ciudadanos e VOX

“Imos facer a revolución galega en Madrid coa papeleta do BNG”, dixo 

A candidata do BNG Carme da Silva fixo hoxe en Soutomaior un chamamento a sumar no BNG os votos da xente “que lle quere a Galiza, que quere frear á dereitona rancia, e quere políticas verdadeiramente de esquerdas”. A nacionalista realizou esta petición ante un Multiusos de Arcade ateigado despois de asegurar que o Bloque é, segundo as enquisas, a forza política mellor situada para gañar o escano que está en disputa con VOX e Ciudadanos na provincia de Pontevedra. 

“Témolos que parar aquí e agora. Está ao alcance da nosa man que o BNG sexa o que lle pare os pés á dereita rancia e machista, por iso hai que mobilizar a toda a xente progresista que quere que Galiza conte. É o BNG quen está a pelexar os escanos na Coruña e en Pontevedra, sábeno perfectamente o PP e a dereita... Incluso Feijóo está preocupado coa posibilidade de que o BNG obteña escanos, porque non lle interesa nada que se demostre que é inútil para Galiza”, dixo.

Da Silva afirmou tamén que non hai que deixarse levar pola política do medo e elixir entre o malo e o mal menor, xa que iso reforza o bipartidismo que ata o de agora o único que fixo foi alternarse na discriminación a Galiza. “Voto útil? –preguntouse a candidata- Que fixo o PSOE-Podemos-En Marea por Galiza nestes dez meses? Pois subiron a AP-9 dúas veces mentres rescataban as radiais madrileñas e baixaban as súas peaxes! Propuxeron un recortazo de 750 millóns de euros nos investimentos do Estado! Iso foi o que fixeron para Galiza mentres en 24 horas transferiron a AP-68 a Euskadi”, subliñou.

Tamén tivo palabras Da Silva para a candidata do PP Ana Pastor, a quen afeou que durante esta campaña electoral dixera “estar indignada” porque o Goberno de Sánchez non transferiu a Galiza a AP-9 . “Esta señora é médica, e tería que facerse ver a memoria. Non sabe que foi ministra de Fomento e que non fixo nada por transferir a AP-9? E agora é presidenta da mesa do Congreso... Non lembra que vetou que se debatese a transferencia? Hai que ter moita cara”, subliñou a nacionalista.

SoutomaiorA cabeza de lista do BNG lembrou que a única forza política que ten demostrado a súa lealdade a Galiza foi o BNG e destacou o traballo feito por deputadas como Olaia Fernández Davila ou Guillerme Vázquez, que conseguiron os orzamentos máis altos da historia para o país ao condicionar as políticas do Estado. Destacou, así mesmo, que a vindeira lexislatura será clave para debater o modelo territorial e indicou que sería un erro histórico que no Congreso houbese cataláns, vascos, canarios, valencianos e que Galiza non tivese representación.

Coincidindo coa revolución dos caraveis hoxe 25 de abril en Portugal, a candidata finalizou asegurando que o vindeiro 28A “imos facer a revolución galega en Madrid coa papeleta do BNG”.

Manu Lourenzo, á Alcaldía

Pola súa banda, o candidato do BNG á Alcaldía de Soutomaior, Manu Lourenzo, aproveitou para criticar a visita do PP á vila durante esta campaña electoral con Ana Pastor e Alfonso Rueda á fronte. “Foi unha mágoa que o alcalde non os trouxera cando había que reclamar a sanidade pública, cando votaron a favor do transvasamento, cando desatenderon as melloras na N-550 ou non transfiren a AP-9”, destacou, para lembrar que Arcade é unha vila absolutamente rodeada de peaxes.

Por outra parte, Lourenzo tamén quixo destacar todo o traballo do grupo do BNG de Soutomaior, do que dixo supoñen un proxecto de futuro para a vila fronte o anquilosamento do actual goberno local. “Desta vai! O próximo goberno de Soutomaior será do BNG!” afirmou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG