Carme da Silva: “As deputadas e deputados do BNG obrigarán a Madrid a mirar para Galiza”

Presentación A Guarda
Presentación A Guarda

“As deputadas e deputados do BNG serán as únicas que obriguen a Madrid a mirar para Galiza”. Así de clara foi hoxe en A Guarda a cabeza de lista do BNG para as eleccións xerais do 28A, Carme da Silva, quen lembrou que na última lexislatura as forzas estatais ninguneraron os intereses do país e faltáronlle ao respecto a galegas e galegos ao rebaixar a mínimos históricos os investimentos. 

Da Silva destacou que primeiro foi o PP, esquecendo as demandas de Galiza, e despois o PSOE, coa complicidade de Podemos e En Marea, os que sumiron no esquecemento a voz do país. “Isto co BNG no Congreso non pasaba. Cando o BNG condicionaba os orzamentos Galiza conseguía máis de 2.000 millóns de euros de investimentos. Neste tres anos foise de mal a peor, até pouco máis de 750 na proposta de orzamentos para 2019”, dixo. 

É por isto, sinalou Da Silva, que galegas e galegos teñen agora unha oportunidade de ouro para que Galiza teña outra vez quen a defenda na política estatal, para condicionar as políticas centrais e atender as necesidades do país. “Valen máis dous ou tres deputados do BNG coas mans libres para negociar en función dos intereses de Galiza que os 23 que foron elixidos e se subordinan ás forzas centralistas”, subliñou, asegurando que existe unha axenda para o concello de A Guarda que é preciso defender a nivel estatal, na que a pesca ou a situación do porto e outras infraestruturas é tema principal. 

Finalmente, a nivel municipal Da Silva destacou o potencial dun concello como o de A Guarda, onde hai un proxecto de goberno BNG que segue o modelo doutros municipios onde o éxito xa está recoñecido. “Ao igual que o BNG ten un proxecto para defender a Galiza no Congreso, Anxo Baz tamén o ten para A Guarda. Propón unha vila para as persoas, recuperar o espazo público e a calidade de vida da cidadanía, o pulo comercial, o desenvolvemento económico, que a xente mellore a súa vida… fronte a outras propostas incoherentes que non teñen claro que futuro queren para A Guarda”. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG