Xerais 2019

Carme da Silva defende o saneamento da ría e a xestión galega dos portos como o de Marín

A cabeza de lista pediu sumar votos no Bloque por ter valor dobre: dar voz a Galiza e ser a opción mellor situada para gañar o deputado en liza coa dereita reaccionaria na provincia

“Temos mar e somos unha potencia na pesca, temos un país rico e as institucións e os gobernos teñen que aproveitar ese potencial para producir riqueza e dar futuro a este país”. A cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra ao Congreso, Carme da Silva, apostou hoxe no mitin de campaña en Marín por poñer Galiza a producir e xerar emprego de calidade adoptando medidas urxentes como o saneamento das rías galegas, especificamente a de Pontevedra, e xestionando dende o país os portos de interese xeral como o de Marín.

Da Silva destacou que o BNG defenderá no Congreso a elaboración dun Plan de rexeneración integral das rías galegas, con fondos tanto do Estado como da UE e da Xunta “que poña en valor todo o potencial e riqueza destas augas, para crear máis emprego e de máis calidade”. Destacou, en concreto, a potencialidade da ría de Pontevedra cando Ence saia da súa ubicación actual, onde o marisqueo e a calidade dos produtos obtidos podería multiplicarse.

A nacionalista insistiu en que “coidar as nosas rías significa coidar a biodiversidade e o medio ambiente pero tamén facer unha aposta pola creación de riqueza e de emprego que daría máis futuro a este país”.

Seguindo a falar do mar, Da Silva defendeu tamén a necesaria xestión propia, dentro de Galiza, dos portos de interese xeral como o de Marín. Preguntouse como é que no país, unha nación altamente dependente da pesca, se pode permitir que os portos se xestionen “500 quilómetros terra adentro”, onde cobran taxas e impostos polas actividades portuarias que despois non reverten á hora de investir.

Insistiu, así mesmo, na alta incidencia do sector pesqueiro dentro do PIB galego e subliñou que é preciso que Galiza teña capacidade propia para negociar os seus intereses –por exemplo, as cotas- en función da súas posibilidades produtivas, e non en función do equilibrio que as forzas políticas estatais buscan ter con outras zonas do Estado español.

Da Silva salientou, ante todo isto, que só unha forza galega como o BNG ten demostrado “lealdade aos intereses da nosa xente do mar” fronte á discriminación á que nos teñen relegado os gobernos central e europeo. “Pido o voto ao BNG porque só así a nosa xente do mar poderá ter voz en Madrid, só así Galiza terá voz en Madrid”, dixo.

Da Silva animou aos indecisos, xa sexan nacionalistas ou non, a sumar no BNG os seus votos para frear a esa dereita e para ademais, volver dar a Galiza a voz que non tivo no Congreso na última lexislatura. “O 28A non temos que renunciar a nada. Non temos que elixir entre o malo ou o mal menor, entre defender e dar voz a Galiza ou frear á dereita. O 28A co voto ao BNG podemos telo todo”, subliñou. 

Destacou, de feito, que os votos que “máis doerán ao trifachito de Colón” serán os votos ao BNG, xa que que o Bloque é a forza política mellor situada para disputarlle o escano que está en liza na provincia de Pontevedra. “Haberá que ver a cara que lles queda a Feijóo, Casado, Rivera ou ao reconquistador comprobando que é o BNG o que impide que consigan representación en Pontevedra”, dixo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG