Xerais 2019

Carme da Silva: “O BNG traballará para que a AP-53 sexa galega, pública, e libre de peaxes”

Reclamación AP-53
Reclamación AP-53

A candidata ao Congreso subliñou que a necesidade de que o BNG volva estar en Madrid para que o Deza-Tabeirós-Terra de Montes teña con voz e axenda propia nas políticas do Estado

“O BNG traballará para que a AP-53 sexa galega, pública e libre de peaxes”. Así o asegurou a cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carme da Silva, quen reivindicou hoxe en Silleda a necesaria transferencia a Galiza da AP-53 e, en xeral, de todas as competencias en materia de tráfico, de seguranza viaria, e de xestión e deseño das infraestruturas galegas.  

A candidata ao Congreso criticou que ata o de agora as forzas españolas, xa ben o PP ou PSOE, a pesares de estar dacordo coa demanda non fixeran nada cando estiveron no Goberno en Madrid, polo que subliñou que “só se o BNG acada representación en Madrid” haberá unha voz ás necesidades da veciñanza do Deza-Tabeirós-Terra de Montes “sen ataduras de ningún tipo”.

Segundo dixo Da Silva, non é lóxico que unha vía de comunicación que ten o percorrido Ourense Lalín sexa de competencia galega e a outra parte ata Santiago sexa competencia do Estado, o que ao seu entender “é unha demostración clara do disparate que significa a xestión das infraestruturas en Galiza”.

Da Silva destacou que a AP-53 é fundamental para as comunicacións da comarca e subliñou que a estrada convencional está a soportar un tráfico pesado enorme como consecuencia da portaxe tan elevada provocando un problema de seguranza viaria nos núcleos que atravesa. Tamén destacou que é preciso ademais mellorar os accesos.

Insistiu en que a transferencia concreta da AP-53 é unha reclamación histórica que no seu momento foi asumida por todas as forzas políticas galegas. “Daba igual que fose o PP, que fose o PSOE, pero no momento no que chegan ao Goberno do Estado non fan absolutamente nada para que esta vía sexa transferida, polo tanto dende o BNG reivindicamos a necesidade da presenza do BNG nas Cortes do Estado para ser determinantes e que a AP-53, igual que a AP-9, sexa por fin transferida a Galiza e liberada destas peaxes absolutamente desorbitadas”, afirmou.

A nacionalista subliñou que o voto ao BNG será “o máis útil” porque nun escenario sen maiorías condicionará as políticas do Estado, rematará coa discriminación das forzas estatais a Galiza, e impedirá tamén o goberno da dereita autoritaria e españolista.

Lembrou que todas reivindicacións para a comarca (como una nova vía de comunicación Pontevedra-Lalín) e para Galiza estiveron ausentes do debate nos últimos anos porque tamén estivo ausente o BNG, “a única voz que sempre defendeu os intereses do país cando estivo en Madrid”. 

Fixo fincapé en que as últimas lexislaturas serviron para deixar as cousas claras con respecto ás forzas estatais, primeiro co goberno do PP e despois co goberno ao PSOE, que co apoio de Podemos e En Marea “ratificaron unha nova falta de respecto ao noso país, xa que a súa proposta de orzamentos para Galiza para este exercicio foi a peor dos últimos 17 anos, con recortes de ata o 20%”. 

“A decisión principal ao votar nestas eleccións será queremos que Galiza teña capacidade para marcar axenda ou non. Agora é o momento de que Galiza volva ser actriz principal e que os seus intereses condicionen as políticas do Estado, tal e como fan as forzas vascas, catalás ou canarias… Dous ou tres deputados do Bloque Nacionalista Galego serán determinantes para formar gobernos e priorizar actuacións nun momento no que non haberá maiorías absolutas”, salientou.

Carme da Silva fixo estas declaracións acompañada de outros candidatos da comarca do Deza-Tabeirós-Terra de Montes, candidatos ás alcaldías, e representantes orgánicas da formación nacionalista.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG