Xerais 2019

Carme da Silva: “O BNG será un dique fronte ás leis do Estado que fomentan a acuicultura intensiva”

A candidata lembrou que as forzas estatais desatenderon as necesidades da pesca galega 

Fixo un chamado a sumarse “á corrente de simpatía cara ao Bloque que está a ir a máis” e que fai que sexa a forza mellor situada para arrebatar o escano en liza por Pontevedra “á dereitona”

Subida a bordo do galeón ‘San Martiño’, un barco de traballo das bateas da ría de Vigo, a candidata do BNG ao Congreso dos deputados, Carme da Silva, asegurou hoxe que o Bloque Nacionalista Galego será un dique fronte ás políticas do Estado que queren potenciar a acuicultura intensiva e defenestrar o modelo de cultivos mariños naturais actual, do que as bateas de mexillón son un exemplo. 

A nacionalista subliñou que o obxectivo do BNG en Madrid será defender as rías galegas e o seu saneamento para potenciar a pesca, o marisqueo e a acuicultura natural de forma equilibrada co fin de xerar riqueza e emprego de forma sustentable. Indicou que é fundamental poñer freo ás normativas impostas dende o Estado e a UE baseadas no consumo e que apostan por unha produción masiva dos cultivos pero que supoñen un perigo para a cadea atrófica e o medio sensible das rías, das que se deben aproveitar moitas facetas. 

“Ten que haber un equilibrio e que a explotación das nosas augas non entre en contradición cun modelo sustentable. O noso modelo non é o dos países nórdicos. Temos unhas condicións moi diferentes e debemos fomentar un modelo que garanta a propia acuicultura de maneira limitada, a pesca e o marisqueo”, destacou, lembrando os problemas que podería supoñer a potenciación dos peixes de cultivo nas rías, cos seus correspondentes pensos e medicacións.

Da Silva afirmou que coa acuicultura pode acontecer, ademais, o mesmo que sucede a día de hoxe coas cotas da xarda: que tendo Galiza a maior capacidade de producir e sendo unha nación altamente dependente da pesca sexan outras zonas do Estado as que leven os beneficios. A cabeza de lista lembrou, de feito, que tendo Galiza o 50% da frota só dispón do 25% da cota, mentres que Euskadi co 15% dos barcos dispón do 50% das capturas.  

“Por que acontece isto? –cuestionou Da Silva- Pois por uns supostos dereitos históricos que contabilizaron só os mellores anos da frota vasca e porque o PNV ten sete deputados e forza para negociar en Madrid. A situación da xarda para Galiza é delirante, porque os barcos galegos nunha semana remataron o seu traballo, xa están amarrados, e hoxe vascos e cántabros pescan nas nosas augas e venden a prezos estupendos”, indicou.

Fronte a isto, Da Silva subliñou que a presenza do BNG no Congreso é fundamental para defender os intereses galegos en materia de pesca, de acuicultura e tamén de marisqueo, xa que as forzas estatais non se moveron polo noso sector. “Sete deputados do PNV acadan maiores cotas para os seus barcos, acadan a transferencia da AP-68 para Euskadi. Vai ser Galiza menos? Non podemos permitilo, temos que facernos valer e só unha forza como o BNG pode facelo: xa se viu estes anos que os 23 deputados e deputadas das forzas centralistas elixidos polas demarcacións galegas foron totalmente inútiles para Galiza”, subliñou. “Só se o BNG está, Galiza está”, dixo.

A cabeza de lista tamén destacou que o voto ao BNG non só valerá para defender ás galegas e galegos en Madrid, senón que terá un valor duplo: frear “á dereitona que defende o neofranquismo” e que quere volver 40 anos atrás en cuestións básicas. “O BNG é a antítese desa dereita carca, é o voto que máis lles doe a eses tres partidos que son unha trinidade co mesmo deus: o capital”, dixo Da Silva.

A nacionalista fixo un chamado, de feito, á mobilización do electorado. Subliñou que nestes momentos na provincia de Pontevedra hai un escano en liza con VOX e Ciudadanos, e que o BNG é a forza mellor situada para arrebatarllo, xa que hai un “efecto BNG” e “unha corrente de simpatía que está a ir a máis durante a campaña” e que fará que o Bloque “rebente as enquisas” e consiga representación no Congreso. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG