Xerais 2019

Carme da Silva: “O BNG obrigará ao Estado a investir en obra pública en Galiza”

Encontro empresas
Encontro empresas

A cabeza de lista asegurou hoxe nunha reunión con construtoras que o Bloque será determinante no Congreso para garantir infraestruturas “que movan o tecido económico e permitan dar traballo á xente do país”

A cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carme da Silva, asegurou hoxe que o Bloque “defenderá ás empresas galegas en Madrid obrigando ao Estado a investir en obra pública en Pontevedra e en toda Galiza”. A nacionalista, nunha reunión con representantes de quince construtoras galegas celebrada hoxe na cidade do Lérez, destacou que o obxectivo do BNG no Congreso será condicionar as políticas e orzamentos do Goberno para garantir a execución de novas infraestruturas “que movan o tecido económico e permitan dar traballo á xente do país”.

Da Silva destacou que a presenza ou ausencia do BNG nas Cortes do Estado será decisiva para que a administración central cumpra compromisos históricos con Pontevedra e que se invistan en Galiza os cartos precisos para a chegada do AVE, a variante de Alba, ou o paseo a Marín, entre outras actuacións. “Na medida en que o BNG estea no Congreso vanse conseguir máis ou menos investimentos para o país. Así se demostrou e o saben os galegos e galegas. Dá igual que estea no goberno o PP ou o PSOE co apoio e conivencia de Podemos-En Marea, pois a proposta de orzamentos para Galiza en 2019 foi a máis baixa dos últimos 17 anos. Esa discriminación ten que rematar e só pode ser da man do BNG”, dixo.

Encontro empresasA candidata nacionalista indicou que, ademais de “facer que as administracións gasten cartos en Galiza” para que haxa actividade construtora e se poida contratar persoal, o BNG tamén tratará de modificar a normativa e o procedemento de contratación das obras públicas para os concellos, que nestes momentos favorecen ás grandes empresas fronte ás firmas locais. Estas, de feito, están a perden moitas adxudicacións pola competencia feroz de multinacionais e as esixencias fixadas en Madrid “polos que nunca xestionaron unha administración local”, dixo Da Silva.

Na reunión coas construtoras galegas (asistiron todas as que foron convocadas) estiveron tamén o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, así como diversos concelleiros do goberno local pontevedrés. O rexedor indicou que en Galiza existen empresas construtoras con talento, coñecemento e que apostan pola innovación que están a despuntar no ámbito internacional. “Temos un país con capacidade, con recursos, con talento, cun potencial  enorme e temos que facernos valer”, apuntou, para subliñar que é preciso que ese talento traballe tamén para o desenvolvemento do país dinamizando a economía a nivel local.

Lores fixo súas as palabras de Da Silva e indicou tamén que “é necesario estar alí –en Madrid- para poder contratar persoal aquí”, subliñando que só a presenza do BNG no Congreso poderá determinar as políticas en beneficio de Galiza. Asegurou que no Congreso haberá forzas canarias, catalás, vascas, valencianas e que será fundamental “que tamén estea unha forza galega cen por cento que poña por diante os intereses do noso país”. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG