Xerais 2019

Carme da Silva: “O BNG freará este 28A á dereita que quere tombar o ensino público e en galego”

A candidata asegura que todas as enquisas sitúan ao Bloque como a forza mellor situada para evitar o deputado de Ciudadanos na provincia, polo que pediu sumar os votos “dos que lle queren a Galiza”

“A papeleta do BNG vale triple: dará voz ao país, freará á dereita do ‘trío de Colón’, e aplicará políticas verdadeiramente de esquerdas”, dixo 

Derrogar a LOMCE, establecer un novo marco educativo que asuma a configuración plurinacional e plurilingüe do Estado dándolle ao galego o valor que corresponde, e desenvolver unha Lei Galega de Educación na que Galiza poida organizar o seu sistema educativo. Eses foron os compromisos adquiridos hoxe pola cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, nunha reunión mantida en Vigo con profesorado e estudantado, aos que asegurou que o Bloque “freará este 28A á dereita que quere tombar o ensino público e en galego”.

Da Silva alertou das propostas da “dereitona” de PP, Ciudadanos, e VOX que “publicamente e sen inmutarse” apostan por defenestrar “a maior construción cultural do noso país: a nosa lingua, o galego”, ao propoñer que o español sexa a única lingua vehicular nas aulas. A candidata destacou que é fundamental establecer unha igualdade real entre galego e castelán e a súa normalización, incluso apostando por convenios para o ensino do galego como segundo idioma na educación secundaria noutros territorios do Estado, e en toda a etapa educativa nos territorios galegofalantes de comunidades limítrofes.

En canto ás propostas sobre o ensino, Da Silva subliñou que a educación é un piar básico que os poderes públicos deben garantir como dereito público, universal e gratuíto dos cero aos 18 anos, sustentado nunha única rede con servizos complementarios, con libros de texto, material escolar e actividades extraescolares gratuítas. “Un ensino público, galego, laico, coeducativo, gratuíto e democrático”, dixo, “para o que é preciso destinar alomenos o 7% do PIB”.

A candidata indicou a necesidade de eliminar os concertos en todos os niveis educativos, sobre todo nos centros que segregan alumnado por razón de xénero, e apostou por un ensino laico no que a materia de Relixión non forme parte do currículo escolar. No ámbito universitario avogou por unha reforma da normativa de universidades, polo incremento do financiamento ata o o 1.5% do PIB, a ampliación das dotacións das bolsas e axudas e a contención dos prezos públicos. 

A candidata insistiu en que é necesario que Galiza teña voz en Madrid para defender todas as reivindicacións do ensino e en concreto da educación en galego. “É preciso volver ser protagonistas e deixar de estar discriminados, por iso hai que ter saber que o 28A xogámonos ser ou non ser. Temos por diante un reto excepcional e hai que convencerse de que o voto útil para Galiza é o do BNG: ningunha outra forza levou a voz do pobo galego e da lingua galega a Madrid, xa o vimos esta lexislatura”, subliñou.

Destacou que nestes momentos está “no alcance da man” volver a contar con dous escanos do BNG no Congreso por Pontevedra e A Coruña, mais subliñou que é preciso sumar no Bloque os votos “da xente que quere que Galiza conte” para gañar a VOX e C’s a disputa. “Non hai que deixarse levar pola política do medo. Aquí o escano está a caer para o BNG, dino todas as enquisas, e ademais xa vimos o que é a dereita rancia e o que significou o bipartidismo do PP e do PSOE para o país: Galiza estivo desaparecida. Hai que poñer freo aquí e agora”, dixo. 

Finalizou asegurando que o voto ao BNG vale triple, posto que dará voz a Galiza, freará á dereita do ‘trío de Colón’ e aplicará políticas “verdadeiramente de esquerdas”.

Alargar a oferta educativa en Vigo

Pola súa banda, o candidato á alcaldía de Vigo, Xabier Pérez Igrexas lembrou que en Vigo houbo unha resposta masiva tanto do profesorado como do estudantado ás reformas agresivas que o Estado impuxo no ensino. Subliñou que é preciso alargar a oferta pública educativa existente na cidade de Vigo e indicou que a pesares de que o goberno local prometeu o seu apoio ao ensino público, “insiste en equiparar a oferta privado concertada no portal de centros municipal, onde as escolas públicas se publicitan ao carón das outras coa mesma intensidade, incluso os colexios con confesións relixiosas”.

Pérez Igrexas puxo de manifesto “o desprezo do PP” coa planificación escolar da cidade e subliñou a necesidade e dereito da veciñanza de Navia a un instituto público. “Non se pode permitir esta carencia e que ao mesmo tempo se beneficien os centros privado concertados”, salientou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG