Bota a andar “Para ter voz propia”, unha iniciativa de voluntariado de apoio á campaña do BNG do 28A

Para ter voz propia
Para ter voz propia

Parte dun grupo de xente moza para coordinar ás persoas que queiran participar con accións que van desde activismo nas redes, reparto e pegada de carteis ou como apoderad@s na noite electoral

Promovida por un grupo de xente moza, na súa maioría simpatizantes sen militancia, bota a andar Para ter voz propia, unha iniciativa de voluntariado de apoio á campaña do BNG de cara ás eleccións xerais do 28 de Abril.

O obxectivo é promover, facilitar e coordinar a todas as persoas que, dun xeito voluntario, queren participar e axudar na campaña, poñendo a súa disposición unha canle para canalizar as súas aportacións para difundir as propostas do Bloque de cara á cita electoral: Activismo nas redes, reparto de propaganda, pegada de carteis, axuda na organización de actos ou exercer como apoderadas na noite electoral son algunhas das maneiras en que pode contribuír todo aquel que queira participar como voluntario.

Lucía López e Brais Fernández foron os encargados de explicar esta iniciativa “aberta ás persoas que teñen ao BNG como referente político, que non son militantes pero queren participar na campaña, para todas elas poñemos a súa disposición este plataforma a través da web paratervozpropia.gal”, explicou Lucía López, aínda que tamén terá soporte en redes sociais.

“O obxectivo é facilitar un mecanismo para facilitar a participación dos e das voluntarias creando unha rede organizada de referencia para toda as persoas que queren contribuír e traballar na campaña, tanto desde as redes sociais, nos actos, como na noite electoral”, recalcou Braís Fernández. En definitiva, indicaron, unha iniciativa pensada para organizar o traballo voluntario de campaña.

Todas as persoas que desexen colaborar poden facelo cubrindo un formulario que figura na web, deixando os seus datos persoais e de contacto e especificando que tipo de colaboración quere levar a cabo. O BNG considera moi positiva e interesante este tipo de iniciativas nunha organización no que o traballo desinteresado da súa base militante forma parte do ADN desta formación política. De feito, esta iniciativa da continuidade a outras similares de pasadas campañas electorais que se desenvolveron con gran éxito de participación.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG