Congreso

O BNG votou en contra das conclusións dos catro documentos de traballo da comisión de reconstrución do Congreso

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego entende que non apostan por políticas diferentes que fagan que pague máis que máis ten, e defenderá no Congreso unha saída xusta á crise

O deputado Néstor Rego salientou que esta crise social e económica non pode ser pagada unha vez máis polas clases populares, polos traballadores e traballadoras.

O BNG lamenta que tanto PSOE como Unidas Podemos rexeitasen propostas como a xestión directa da sanidade pública, un imposto ás grandes fortunas ou a recuperación do rescate bancario.

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Néstor Rego, votou non ás conclusións dos catro documentes (Union Europea, Sanidade Pública, Reactivación Económica e Políticas Sociais e Sistema de Cidadáns) elaborados pola chamada Comisión de Reconstrución. Rego considera que os documentos non recollen a vontade de desenvolver políticas diferentes ás experimentadas até agora para saír da crise, nin tampouco para asegurar unha xestión pública e de calidade da sanidade e dos servizos sociais e de coidados. “Non hai unha aposta real por unha sanidade pública, nin en políticas económicas diferentes que fagan que nesta ocasión non sexan os mesmos, a clase traballadora e os pobos quen paguen a crise, como aconteceu na anterior” salientou o deputado nacionalista.

Néstor Rego defendeu que non se pode buscar unha saída pola vía dos recortes sociais, da precarización das condicións laborais e o empeoramento das condicións de vida dos sectores máis vulnerábeis da poboación. O BNG aposta por buscar unha saída socialmente xusta que parta da base de que ten que contribuír máis quen máis ten.

Por iso lamenta que PSOE e Unidas Podemos rexeitasen as propostas feitas polos nacionalistas para asegurar a xestión directa da sanidade pública, para a intervención pública das residencias de maiores, para estabelecer un imposto ás grandes fortunas, recuperar os rescate bancario, reducir o gasto militar ou nacionalizar as grandes corporacións dos sectores estratéxicos da economía, comezando por aquelas que foron públicas e non deberon ser privatizadas.

Rego puxo como exemplo a situación de Alcoa, agora coa ameaza de fechamento e de despedimento de 1.000 traballadores e traballadoras como un dos casos de empresas estratéxicas que deben ser intervidas pola Administración pública para asegurar a continuidade da actividade e o mantemento dos postos de traballo.

No que ten que a ver coa sanidade o BNG defende que debe ser xestionada dende o público para garantir a calidade e o criterio de servizo. “Os recursos públicos deben destinarse á sanidade pública e a eliminar a posibilidade de xestión a través de outros entes, fundacións e aquelas políticas privatizadoras” explicou Rego. En todo caso, o deputado nacionalista considera moi importante que fose incorporada na emeda proposta polo BNG para eliminar a taxa de reposición de efectivos na sanidade tendo en conta que este era até agora un dos principais obstáculos para aumentar o persoal da sanidade pública e poder reverter as políticas de privatización e de recortes realizadas.

En relación coa Union Europea o BNG defendeu que era preciso camiñar cara outras políticas comunitarias. A xuízo de Néstor Rego salienta que nesta crise a Unión Europea quedou retratada como o que é, unha estrutura ao servizo dos intereses das oligarquías e dos Estados centrais, foi incapaz de dar unha resposta áxil e social á crise económica xerada pola emerxencia sanitaria. Nese sentido, o BNG defendeu que era necesario camiñar cara outra Europa, unha Europa social, democrática e dos pobos, que recoñeza os dereitos das nacións e que incorpore como prioridade os dereitos das maiorías sociais.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG