Parlamento Galego

O BNG votará non á investidura de Feixóo e rexeita o programa de recortes e privatizacións que representa

Ana Pontón e Miguel Santalices
Ana Pontón e Miguel Santalices

A líder do BNG  anuncia unha “oposición construtiva”  e de man tendida para lograr grandes  acordos nun contexto marcado pola COVID-19

Avanza que o traballo parlamentario fixa como reto “blindar” os servizos públicos e acadar un cambio político no 2024 liderado polo BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón trasladou ao presidente do Parlamento galego que o  BNG non apoiará a investidura de Feixóo  porque existen grandes diferencias entre o programa político do Partido popular e o programa do BNG. As políticas do Partido popular durante 11 anos, dixo Pontón,  centráronse en “escatimar recursos para o sistema educativo e recortar a sanidade pública” sobre todo, a  Atención primaria cun recorte de 2.000 millóns de euros.

Ao longo destes anos, engadiu a portavoz do BNG, o programa do Partido popular destruíu grande parte do tecido industrial, miles de persoas víronse obrigadas a emigrar e non se puxeron en marcha medidas para loitar contra o cambio climático. Dentro dos sinais de identidade do PP, afirmou, están os “ataques á nosa lingua e cultura” asfixiando as políticas de normalización lingüística.

O programa do BNG, explicou a nacionalista vai na dirección de   “blindar os servizos públicos”, sobre todo a educación e sanidade e rexeitou o modelo do Parido popular que converteu a “saúde nun negocio”. Por outra parte, dixo, o BNG defende as  enerxías alternativas, a innovación, reindustrializar  Galiza e un modelo económico que permita o desenvolvemento e o benestar.

Máis autogoberno para que Galiza xestione os seus recursos

Ademais, Pontón volveu a reivindicar “máis autogoberno” para que Galiza xestione os seus recursos e  poder enfrontar o reto de superar a crise provocada pola COVID-19.

Non compartimos o programa do Partido popular e durante estes catro anos  traballaremos para que no ano 2024 se produza o cambio político en Galiza liderado polo BNG, “somos á alternativa para construír esa outra Galiza posible”, aseverou. 

A líder do BNG anunciou  unha oposición “construtiva” e de man tendida para acadar “grandes acordos a favor de Galiza” nun contexto marcado pola Covid-19 e para abordar as grandes preocupacións da cidadanía en materia de  emprego, listas de espera, unha sanidade pública reforzada e ofrecer expectativas de futuro á mocidade e políticas de proteccións para o noso medio ambiente.

Esta lexislatura, insistiu Pontón,  debe ser a dos grandes acordos porque estamos nun momento non que non serven “os seguidismos partidistas, oposicións inútiles nin maiorías cegas e xordas”. Dende o BNG traballaremos nesa liña e poñendo por diante sempre os intereses de Galiza.

A líder do BNG exixe  “responsabilidade” á Xunta ante o inicio do curso escolar

A nacionalista criticou a falta de resposta da Xunta ante a  repunta do virus e afirmou que  o goberno galego non está poñendo en marcha  medidas adecuadas para a súa contención. Dende o BNG,  “exiximos responsabilidade á Xunta” para velar pola saúde das persoas pero tamén ante un inicio de curso escolar que debe ir acompañado de   medidas extraordinarias. A Xunta tivo seis meses para preparar o inicio de curso e a poucos días da volta ao colexio  non contamos con medidas claras que garantan a seguridade dos nenos e nenas. Na súa opinión,  poñer os medios para unha volta segura responde a “unha decisión política” e  pediu á Xunta que “rectifique” porque é   posible reducir as ratios e poñer en marcha os medios acuados contra a pandemia.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG