O BNG volve propoñer un pacto de país para a ordenación do monte e a loita contra o lume

Olalla Rodil rexeita o curtoprazismo pero insta a Feijóo a “tomar nota” porque as causas de fondo que provocaron a traxedia en Portugal están presentes en Galiza

De inmediato, posta en marcha do PLADIGA e cumprimento estrito das franxas de seguridade para vivendas e infraestruturas

Transmite a solidariedade coas familias das vítimas e co conxunto do “pobo irmá” portugués

O BNG reiterou as súas condolencias e solidariedade coas familias das vítimas da traxedia de Portugal e con conxunto do pobo luso, que xa trasladou onte ao Goberno do país veciño e ás forzas políticas, “ante unha traxedia desta magnitude que nos ten conmocionados dentro do Bloque e ao conxunto dos galegos e galegas, pola relación fraterna que temos co país portugués co que non hai fronteiras”, expresou a deputada nacionalista Olalla Rodil.

Pese ao “impacto emocional” derivado da traxedia o ocorrido en Portugal debe facer que o Goberno da Xunta tome nota porque son evidentes os paralelismos entres as causas estruturais do dramático sinistro  e a situación en Galiza.

“Instamos ao Goberno galego e ao propio Feijóo a que tome note, porque dadas as causas profundas desta traxedia vemos que Galiza non está a salvo, porque as similitudes con esas causas e as que afectan ao noso territorio, ao noso monte, son evidentes”, explicou Rodil.

Pero o BNG, subliñou a deputada, “non vai caer nin no curtoprazismo, nin no oportunismo”, e como xa fixera na pasada sesión plenaria a portavoz nacional, Ana Pontón, co presidente da Xunta, “volvemos tender a man para acadar un gran pacto de país entorno a este tema crucial para Galiza, un pacto para ordenar o noso territorio, para revitalizar o rural e  para ordenar o monte como mellor antídoto contra os lumes”.

“Unha vez máis facemos esta proposta”, salientou, mentres no inmediato o Bloque pon enriba da mesa dúas reclamacións concretas: Aprobación inmediata do PLADIGA, -“é incrible que a que se supón principal ferramenta de loita contra os lumes non estea operativa a tres días de empezar o verán e en plena vaga de calor”- e, por outro lado, “cumprimento estrito da normativa en relación ás franxas de seguridade coas vivendas e as infraestruturas do país”.

Entre esas causas de fondo que comparten Galiza e Portugal que favorece a lacra dos lumes:  un rural abandonado, un monte desordenado e improdutivo, -“un monte literalmente a monte”, enfatizou a deputada-, franxas enteiras do territorio con monocultivo de eucalipto, “especie incendiaria cuxa extensión está totalmente descontrolada”. O BNG propón un cambio de rumbo coa man tendida para acadar un gran pacto de país neste tema crucial para preservación do territorio e, especialmente, do medio rural.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG