O BNG ve “razóns ocultas” da Xunta para excluír a confrarías críticas das axudas ao persoal asistencial

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará critica que Mar abrace o burocratismo da UE para negar subvencións ás confrarías de Aldán, Rianxo, Barallobre, Ferrol, Carril e Vilaxoán

O BNG denuncia razóns ocultas na decisión da Consellería do Mar de denegar as axudas á contratación de persoal que realiza labores de vixilancia contra o furtivismo e asistencias técnicas en materia de control biolóxico dos recursos pesqueiros e marisqueiros precisamente nas confrarías que máis críticas se mostran coa política de Pesca da Xunta: Aldán, Rianxo, Barallobre, Ferrol, Carril e Vilaxoán.

“Temos a sospeita de que hai razóns ocultas, inconfesables, motivacións que non se dan a coñecer para castigar algunhas confrarías que son críticas coa Administración”, salientou o deputado Luís Bará na comisión de Pesca, quen acusou á Xunta de “poñerse do lado da burocracia da UE na interpretación da normativa para a concesión destas axudas poñéndose en contra de determinadas confrarías que se ven obrigadas a pleitear en lugar de traballar”.

As subvencións que se lle negan a estes pósitos son concedidas ao amparo da orde publicada no DOG do 7 de setembro, para proxectos financiados polo FEMP que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña cunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos ecosistemas, así como do fomento da sensibilización ambiental. Con eses recursos as confrarías financian a contratación de biólog@s ou persoal de vixilancia contra o furtivismo, entre outros.

Ademais de denunciar que se faga unha convocatoria de axudas o 20 de setembro para un proxecto que empeza o 1 de xuño, o BNG advirte que esta exclusión significa “un golpe de gracia” para a continuidade dos pósitos afectados, polo que pide ao Executivo que atenda os seus argumentos.

“Van reunirse con elas e atender os seus recursos, van buscar unha saída?”, interpelou Bará, “póñanse do lado do sector, deixen de perseguir e de afogar as confrarías, sobre todo ás que se mostraron máis críticas coa política da Xunta, porque non fondo tamén hai unha motivación oculta de carácter político que é perseguir ás confrarías que lle están plantando cara”.

Excluídas das axudas, os pósitos vense abocados a despedir ao persoal que se encarga de labores tan importantes como a loita contra o furtivismo, o control das augas, das mostraxe semestral obrigatoria, controis dos bancos pesqueiros e marisqueiros, dos plans de explotación de recursos.  “É todo o que lle encarga e manda a conselleira do Mar”, indicou o deputado, “no fondo están facendo un traballo que lle correspondería á Consellería pero que lle trasladan ás confrarías”.

O Bloque volveu denunciar a política de “acoso e derrubo” do Goberno galego contra a pesca artesanal, de baixura e a acuicultura extensiva que practica seguindo as directrices do Estado e da UE. A interpretación e aplicación arbitraria e inxusta desta liña de axudas, -que tamén afecta aos rañeiros-,  é un exemplo máis, pois aplican uns criterios distintos que mudaron de xeito arbitrario.

“E cónstanos por comentarios do persoal da Consellería que recibiron ordes concretas de facelo así, de ir a por algunha confrarías e excluílas destas axudas”, concluíu Bará instando á Xunta a atender os recursos de reposición interpostos polas confrarías afectadas e que deixe de agocharse tras a suposta aplicación da normativa como alega.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG