CONGRESO

O BNG ve precipitado e irresponsábel a reactivación da actividade económica non esencial a vindeira semana

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego mostra a súa preocupación de cales son as prioridades reais deste Goberno, se os intereses empresariais ou a saúde dos traballadores e traballadoras.

O BNG considera que a centralización desta emerxencia sanitaria demostrou ser errada e ineficaz desde o punto de vista práctico.

O deputado nacionalista afirmou que o BNG estará moi atento para que coa crise non se confinen nin os dereitos laborais, nin os sociais, nin tampouco os dereitos democráticos.

O BNG ve precipitado e irresponsábel a reactivación da actividade económica non esencial a vindeira semana

O Bloque Nacionalista Galego continua cunha actitude construtiva -ao mesmo tempo que crítica- para saír desta emerxencia sanitaria o antes posíbel e cun número menor de persoas falecidas a consecuencia do coronavirus.

Os nacionalistas vén positivo a prórroga do Estado de Alarma, mais considera que en moitos aspectos non se está xestionando ben esta crise sanitaria. Ven precipitado e irresponsábel a reactivación da actividade económica non esencial o vindeiro luns. Retomar a actividade en centros de traballo en moitos casos masificados e sen as debidas condicións de seguridade supón abocar aos traballadores e traballadoras a un risco de contaxio.

O deputado Néstor Rego trasladoulle a Sánchez a súa preocupación de cales son as prioridades reais deste Goberno, se os intereses empresariais ou a saúde dos traballadores e traballadoras. Para os nacionalistas esta decisión adóptase sen ter alcanzado un punto claro de control da pandemia e sen que exista aínda un plan de desconfinamento avalado polo criterio científico. Rego salientaba que “colocar en risco a saúde das persoas que terán que ir traballar, pode provocar un rebrote non desexado que dificulte e retrase o control definitivo do virus”. Para o portavoz do BNG no Congreso “abandonar unha medida que está funcionando sen as medidas de seguridade adecuadas e sen constatar que xa non é necesaria parécenos unha irresponsabilidade”.

Estado de alarma centralizado

O BNG considera que a centralización desta emerxencia sanitaria demostrou ser errada e ineficaz desde o punto de vista práctico. Só xerou máis burocracia e caos diante da evidencia de que o Estado foi incapaz de xestionar unha situación para a que nin estaba nin se preparara. Rego destacou que “o Goberno puido ter optado por coordinar os esforzos de quen te que traballar sobre o terreo, mais optou por centralizar”.

O deputado nacionalista mostrou dende o atril o apoio do BNG aos e as profesionais do Servizo Galego de Saúde e criticou o papel que está a desenvolver o Presidente da Xunta, Núñez Feixoo, ante esta crise sanitaria. “A decisión de centralizar as decisións en Madrid foi aproveitada de forma descarada e impúdica por Núñez Feixoo, por un Presidente que leva 11 anos de recortes, precarización e privatización da sanidade pública galega, para tratar de ocultar a súa propia inacción, inoperancia e incapacidade co permanente pretexto de que carece de competencias” afirmaba Néstor Rego.

Ademais, o BNG deixa ver a súa preocupación ante esta emerxencia sanitaria polo que pode representar de risco para os dereitos democráticos e as liberdades públicas. Entre elas, “esa escenificación militarizada, impropia dunha crise sanitaria” afirmaba Rego dende o atril. E aclara que non se cuestiona a labor que os soldados deban realizar como persoal ao servizo da administración, senón do papel político que o Goberno outorgou ao exército, especialmente visíbel no ámbito da comunicación. O portavoz nacionalista concluía con que “estaremos moi atentos para que coa crise non se confinen nin os dereitos laborais, nin os sociais, nin tampouco os dereitos democráticos”.

O BNG ve precipitado e irresponsábel a reactivación da actividade económica non esencial a vindeira semana