BNG valora como positivo o cumprimento do acordo para os descontos na AP-9

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego: "Dáse un paso moi adiante importante aplicando as medidas previstas no acordo de investidura que van beneficiar a todos os galegos e galegas"

A formación nacionalista avanza que seguirá a traballar para conseguir unha autoestrada "galega e libre de peaxes"

O deputado do BNG, Néstor Rego, participou no acto celebrado na Delegación do Goberno na Coruña en que a Ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, anunciou as bonificacións, descontos e rebaixas nas portaxes da AP-9. A formación nacionalista cualifica como "paso importante" a aplicación das medidas asinadas no acordo de investidura entre BNG e PSOE, en xaneiro de 2020.

Néstor Rego destacou na finalización do acto que as medidas recollidas son positivas para o conxunto dos galegos e galegas. "Hoxe dáse un paso adiante importante dando cumprimento, en termos xerais, o acordo de investidura asinado polo BNG e o PSOE" valora o deputado nacionalista. Destaca que isto é a confirmación da utilidade do traballo político do BNG no Congreso cun acordo que conseguir desbloquear a Axenda Galega e incorporar unha serie de medidas para solucionar problemas "que en moitos casos levaban décadas esperando".

O BNG conseguiu incorporar no acordo de investidura inverter, por primeira vez, a tendencia da subida "continuada e abusiva" das portaxes da AP-9 aparecía no acordo de investidura. "É a primeira vez en 40 anos que se produce unha baixada significativa nas peaxes desta autoestrada. Unha das tres que resta no Estado español con concesión de longa duración. Dúas, por certo, na Galiza, pois tamén está a AP-53 Santiago-Lalín" subliña Rego.

É a primeira vez en 40 anos que se produce unha baixada significativa nas peaxes desta autoestrada

"Congratulámonos de que este esforzo estea dando resultados. Temos por diante, e de maneira inmediata, as bonificacións, a liberación de tráfico da peaxe no tramo entre Vigo e Redondela" enumera. Así mesmo, Rego recoñeceu que "non están todas as medidas contempladas no acordo de investidura" mais entende que "o paso que se deu é relevante".

En todo caso, "o BNG seguirá traballando por máis e mellores descontos e mesmo para conseguir, máis cedo que tarde, que a AP-9 sexa galega e sen peaxes". Así mesmo, Rego lembra que a Lei de transferencia da AP-9 está en plena tramitación no Congreso e espera que antes de rematar o ano se poida estar transferida.

"O que é realmente xusto é ter unha autoestrada galega e libre de peaxes porque entendemos que ese é o obxectivo final. A AP-9 é unha autoestrada que xa está suficientemente pagada e amortizada cos cartos do conxunto dos galegos e galegas" conclúe Rego.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG