Ana Pontón

O BNG vai a reunión con Feixóo para sumar, colaborar e mandar unha mensaxe de unidade ante a crise do coronavirus

Ana Pontón
Ana Pontón

Agradece a receptividade do xefe do Executivo á proposta do Bloque nun momento no que se require “altura de miras” ante a crise do coronavirus

En relación á campaña,  evita especular, recorda que a regulación dun proceso electoral é moi “serio” e recalca que a prioridade é a saúde pública

A portavoz nacional, Ana Pontón, referiuse ao encontro entre o presidente da Xunta e as forzas políticas que vai ter lugar o vindeiro luns, primeiro agradecendo que Feixóo aceptase a propostas do BNG e, en segundo lugar, avanzando que o Bloque vai ir a esa xuntanza co ánimo de arrimar o ombreiro, de sumar esforzos e de mandar unha mensaxe de unidade ante a sociedade ante a crise do coronavirus.

“Agradezo que o presidente da Xunta recollera a proposta do BNG para unha reunión entre todos os partidos políticos, imos ir con ánimo construtivo porque ante a crise do coronavirus temos que mandar unha mensaxe de unidade e de total disposición para poñer o mellor de nós e saír con éxito desta situación”, salientou Pontón.

A líder nacionalista insistiu na oportunidade de “enviar unha mensaxe de tranquilidade á poboación” dado que, a día de hoxe, en Galiza o nivel de incidencia do virus é moito menor que noutras zonas. “É importante que actuemos con unidade para tomar toda as medidas necesarias para frea a expansión do virus, salvagardar a vida das persoas e minimizar o impacto tamén na actividade económica”, recalcou.

Por iso, recalcou, irá ao encontro “cun ánimo construtivo, de colaboración, para sumar e arrimar o ombreiro nun momento tan difícil e lanzando unha mensaxe de unidade e tranquilidade aos galegos e as galegas”. Ante unha crise de saúde pública o que compre “ha que ter altura de miras”, subliñou, “porque é moito o que está en xogo para este país e con esa vontade imos acudir a esa xuntanza na que insisto, agradezo que Feixóo recollera a proposta do BNG porque penso é unha imaxe que reforza a resposta que temos que dar ante a crise do coronavirus”.

En relación ao proceso electoral non quixo entrar en especulacións nin en globos sonda. Lembrou que a convocatoria coas urnas ten unha regulación moi estrita e que, en todo caso, a prioridade é a saúde pública e que o Bloque estará as decisións que determinen as autoridades con respaldo científico.

“A convocatoria electoral ten unha regulación moi estrita porque é un tema moi serio, pero en todo caso a prioridade é poñer por diante a saúde das persoas e, polo tanto, calquera proposta que veña co aval do ámbito científico que se considere necesaria para frear o coronavirus, o BNG vai estar ao que nos diga a ciencia. Non merece a pena especular porque só xeramos incerteza, non estou por globos sonda nin especulacións nunha cuestión deste tipo”, concluíu.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG