Parlamento Galego

O BNG urxe á Xunta solucións para os expedientes de absentismo escolar abertos a familias con doenzas graves

Manu Lourenzo
Manu Lourenzo
Manuel Lourenzo rexeita o procedemento proposto polo Executivo galego porque dilata unha situación que se podería resolver cunha simple orde

O BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego solucións inmediatas para garantir o dereito á educación das nenas e nenos de familias con enfermidades graves e a resolución dos problemas creados polos expedientes de absentismo escolar abertos neste sentido polo Goberno galego.

Nunha proposición non de lei defendida polo portavoz de Educación, Manuel Lourenzo, o Bloque lembra que se trata de familias nas que un dos proxenitores sofre unha doenza grave (normalmente pacientes oncolóxicos en estadios avanzados) que ante o risco de contaxio polas súas fillas e fillos escolarizados, e seguindo os consellos prescritos en informes médicos, vense na obriga de non envialos ao centro educativo, sen que conten cunha solución administrativa de ensino a distancia.     

Lourenzo recriminou a falta de criterio do Executivo galego ante este tipo de casos con respostas distintas e que van dende unha posición máis laxa segundo os centros educativos ata a apertura do protocolo de absentismo escolar, extremo este último que, segundo subliñou, “ninguén entende”. “Familias que están dando unha batalla pola súa saúde e pola súa vida e que agora teñen que aturar ademais a incerteza do que vai pasar cos seus fillos e fillas ante un expediente de absentismo escolar”, advertiu, para recalcar a continuación que “isto xa é unha cuestión de humanidade”.  

O deputado nacionalista subliñou que abondaría unha orde da Consellería de Educación para rematar cos expedientes e garantir o dereito á escolarización das e dos pequenos afectados e, neste sentido, rexeitou o procedemento presentado polo PP para resolver a situación e que pasa pola constitución de comisións provinciais de seguimento do absentismo orixinado pola COVID19 que analizarán individualmente cada caso.

“Esas análises individuais xa están feitas polos propios profesionais sanitarios e ante unha información que xa está no seu haber, a Xunta quere constituír un comité e volver avaliar cada situación concreta”, reprochou na defensa da iniciativa, vetada finalmente polo PP. “Ante iguais situacións e iguais informes médicos, que nuns casos se recoñeza o dereito ao ensino a distancia en novembro e noutros en marzo?”, preguntou, logo de advertir que só na provincia de Pontevedra hai entre 60 e 70 familias afectadas.

“O procedemento non aporta nada, demora moitísimo no tempo, non resolve a disparidade de situacións e, sobre todo, non remata cos expedientes abertos de absentismo escolar”, concluíu. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG