BNG urxe á Xunta a saír da súa inacción e traballar para que a automoción de Vigo acolla unha fábrica de semicondutores

Carmela González
Carmela González

Carmela González recrimina ao Goberno do PP a súa pasividade diante da oportunidade do plan de financiamento incluído na Lei Europea de Chips

Esixe ao Executivo Feixóo que deixe de botar balóns fóra e trace unha folla de ruta para o sector ante a ameaza da transición ao coche eléctrico  

BNG urxiu á Xunta no Parlamento a traballar para acollerse ao plan europeo de financiamento, dotado con 43.000 millóns de euros, que inclúe a Lei Europea de Chips para garantir a implantación na área de Vigo dunha fábrica de semicondutores que contribúa a garantir o futuro do sector galego da automoción, evitando a dependencia actual dos países asiáticos na produción deste tipo de compoñentes.

“Se non o están facendo xa, perderemos un tren que non vai volver pasar”, advertiu nunha interperlación parlamentaria a deputada nacionalista Carmela González ao vicepresidente segundo, Francisco Conde, logo de recriminarlle que, mentres a propia UE está actuando para adiantarse as consecuencias negativas que a transición do coche de combustión ao coche eléctrico pode ter sobre a capacidade produtiva e o emprego do sector, “en Galiza temos un goberno que, tendo plenas competencias en materia industrial, permanece impasible”.

Así, incidiu en que se a Xunta non traza unha folla de ruta para o sector, a oportunidade de financiamento para dotar a automoción galega dunha gran fábrica de semicondutores será aproveitada noutro lugar, “posiblemente no norte de Portugal”, recalcou, para apuntar a continuación ás activas políticas do goberno portugués para atraer empresas ao norte do país e que xa se traduciron en máis de 7.000 novos empregos e no compromiso de máis fondos para reforzar a súa posición na Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal.

“Un goberno, o portugués, que defende o emprego e a economía do seu país, xusto o que o Goberno galego non fai”, reprobou, para engadir a continuación que “a única política que practica o PP na Xunta é a de botar balóns fóra, buscar culpables e lanzar anuncios que non chegan a concretarse”.

Neste sentido, reprochou ao tamén conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, o “bluff” do denominado coche eléctrico galego 2010-2015 que, pese aos 40 millóns investidos en axudas, fracasou “porque non hai un plan para a automoción, só improvisación” e, por iso, esixiulle ao seu Executivo, non que se limite a “acompañar e poñerse ao lado do sector como sempre din”, senón a “poñerse á fronte, liderar e trazar unha folla de ruta” para a automoción galega.

Así pois, González recordou que as bases para entrar no PERTE do vehículo eléctrico e conectado acaban de saír publicadas no BOE e xa non é condición excluínte a non produción de baterías, senón que chega con ensamblalas, que é o que fai Stellantis na súa factoría de Vigo. “A pregunta agora é se segue o Goberno galego apostando pola implantación dunha fábrica de baterías na área de Vigo”, cuestionou, para advertir a continuación que a posición da multinacional non está clara, “ou si, porque xa anunciou a instalación de tres fábricas de baterías en Europa e dúas en Norteamérica e nada di da de Vigo”.

Nesta mesma liña, recordou que o proxecto que anuncia Stellantis, xunto co CETAG e o resto da industria, para o PERTE é unha candidatura conxunta con Madrid e Zaragoza, onte tamén ten centros de produción. “A dúbida é que parte dese PERTE vai quedar en Galiza, que repercusión vai ter no emprego e como vai a apuntalar o futuro do sector na área de Vigo”.

Deixando claro o importante papel que xoga a factoría de Stellantis no sector galego, a deputada nacionalista indicou que “non podemos seguir poñendo todos os ovos na mesma cesta, senón que hai que repartilos”, polo que concluíu insistindo na necesidade de que o Goberno galego impulse un Plan Galego pola Automoción que promova a instalación de novos actores e actividades industriais que rachen coa excesiva dependencia actual dun único gran fabricante e que garanta en Galiza a produción daqueles compoñentes críticos de máis valor engadido.  

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG