parlamento galego

BNG urxe á Xunta á retirada dos pneumáticos acumulados no depósito de Lendo da Laracha que debía estar rematada en 2018

Daniel Pérez
Daniel Pérez
Daniel Pérez reprocha ao Executivo galego que se escude na crise sanitaria para xustificar un atraso de catro anos

BNG urxiu no Parlamento galego á Xunta a rematar coa retirada dos pneumáticos do depósito de Lendo, na Laracha, un proceso que, segundo o servizo contratado polo Goberno galego para acometer a retirada de rodas en depósitos e vertedoiros incontrolados de todo o país no marco do Plan de Xestión de Residuos Industriais, debía estar rematado xa en 2018.

Así o explicou o deputado nacionalista Daniel Pérez, quen nunha pregunta parlamentaria ao Executivo advertiu do perigo que supón para o medio ambiente e seguramente para a saúde o que é “o maior depósito de rodas fóra de uso de toda Galiza”, cun volume cifrado xa en 2016 en 34.968 toneladas das 36.000 que había nese momento no conxunto do país.

Pérez lembrou que, pese a que os traballos tiñan que estar rematados en 2018, en febreiro de 2019 a Xunta recoñecía que só estaban retiradas 13.000 toneladas, aínda que se comprometía a rematar o proceso ao longo do ano. “Pero a día de hoxe, catro anos despois dende o inicio da retirada das rodas, a acumulación de pneumáticos en Lendo segue a ser unha realidade”, reprochou, para a continuación afear as escusas ofrecidas polo Executivo autonómico para xustificar o atraso pola crise sanitaria.

“Que nós saibamos, as actividades non esenciais estiveron paralizadas un mes co Estado de Alarma, pero en ningún caso a crise sanitaria xustifica o atraso nos traballos cuxo remate anuncian agora para finais deste ano”, reprobou.

Pérez tamén recordou que o cemiterio de rodas da Laracha está localizado nunha finca do grupo empresarial Campo que, segundo recalcou, “alén do presumíbel aproveitamento económico que puido sacar desta actividade de depósito durante máis de 20 anos”, saíu beneficiada coa retirada dado que, unha vez sexa rematada, “disporá dunha finca libre ao lado do polígono”.

Nesta liña, tamén mostrou a súa sorpresa polo feito de que a empresa concesionaria dos traballos de retirada, que estaba obrigada a coñecer dende o primeiro momento as esixencias técnicas do contrato, pedira unha ampliación dos prazos de execución aos poucos meses de iniciar os traballos.

“Hai neste asunto demasiadas zonas escuras que en ningún momento tentaron ser aclaradas nin pola Xunta, nin polo goberno local da Laracha, tamén do PP”, cuestionou para concluír a súa intervención.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG