BNG urxe á Xunta a recuperar “a xestión pública” do Centro de Atención á discapacidade Souto de Leixa ante o deterioro das instalacións e incumprimentos da concesionaria

Mon Fernández
Mon Fernández

Ramón Fernández reprochou ao Partido popular que a Xunta non cumpra coa “tutela” das persoas residentes e ampare a empresa CLECE, a pesar das denuncias do persoal e familiares

Lamentou que unha vez máis, o PP rexeite recuperar a xestión pública dun centro que atende a un colectivo de grande vulnerabilidade e continúe na senda de beneficiar a empresas “amigas”

O parlamentario do BNG, Ramón Fernández urxiu á Xunta, a través dunha proposición non de lei,  recuperar a “xestión pública” do Centro de Atención á discapacidade”, Souto de Leixa, no concello de Ferrol, ante o reiterado incumprimento da empresa concesionaria CLECE en materia de persoal e mantemento das  instalacións.

Na súa intervención, o parlamentario nacionalista,  tras saudar  ao persoal e  familias afectadas que seguían o debate da iniciativa do BNG na Comisión de Política Social, amosou diversas fotografías para ilustrar as “graves deficiencias” estruturais, equipamento e mantemento das instalacións para desenvolver un correcto funcionamento  do centro ao que sumou  problemas da dotación de persoal para unha correcta atención das persoas residentes.

Pola súa parte, a portavoz popular, Rosalía López Sánchez anunciou o voto en contra do PP á proposta nacionalista  por considerar que o centro é moi antigo  ao o deputado do BNG  replicou amosando novamente varias fotografías sobre o grave deterioro das instalacións e instando á Xunta a iniciar as accións necesarias contra a empresa concesionaria polo actual estado do centro e a insuficiencia de persoal

  A Xunta é a “tutela legal” de moitas das persoas residentes no centro, un colectivo “altamente vulnerable”  sobre o que, curiosamente decidiu para o seu coidado “privatizar o servizo”, un servizo no que  se están a detectar importantes irregularidades  e que o goberno galego “segue sen querer aceptar”.

A empresa CLECE, lembrou o deputado, leva  coa xestión do centro tantos anos como os que leva o  Partido Popular no goberno galego e  “non cumpre os pregos técnicos da concesión”. Nesta liña, explicou  que  o prego estipula  8 monitores ou monitoras de taller a xornada completa e hai  8 persoas pero só 1 a xornada completa, 30 coidadores e coidaras cunha ratio dunha persoa coidadora por 6,5 residentes nas quedas de mañá, é dicir  95 residentes con  15 coidares en turnos de mañá e tarde, e 1 por cada 21 residentes no turno de noite, pero estas ratios non poden cubrirse con 30 persoas coidadoras, nas quendas establecidas.

Por outra parte, o prego de concesión para xestionar o centro por parte da empresa CLECE estipula que o adxudicatario ten a obriga de manter  o seu equipamento e instalacións en perfectas condicións de conservación e funcionamento, debendo, a tal efecto, subscribir os contratos de mantemento preceptivos, así como levar a cabo as reparacións e reposicións que sexan necesarias, facendo fronte aos deterioros propios do funcionamento diario das instalacións e do seu equipamento, condición, recalcou o deputado do BNG “non se está a cumprir”.

 “CLECE aforra  en toallas, mantas e sabanas gastadas polo uso, aforra  en colchóns, almofadas e calefacción. Chegando ao extremo de que persoas residentes teñen que durmir vestidas por causa do frío”, denunciou.

Aforra tamén en lavandería, que ten subcontratada á empresa INTEGRA,  propiedade de CLECE con  persoal e  equipos insuficientes, dándose casos nos que as persoas residentes cando van ás súas casas na fin de semana ou por vacacións chegan con roupa de outras persoas, mesmo  roupa interior.

O deputado trasladou ao parlamento o malestar das persoas residentes do centro, das familias e do Comité de empresa sobre unhas condicións de vida que cualifican de “indignas”, remarcou.

 Ramón Fernández  instou á Xunta a considerar ás familias como as súas mellores aliadas para testar a xestión da empresa, porque “ninguén mellor que elas para sabelo, ninguén mellor que elas para valorar o servizo”.

Se a Xunta persiste en manter a  actual situación do centro e non actúa, dixo o nacionalista, continuará “favorecendo o negocio de certas empresas” en vez de poñer en valor a “dignidade humana e a protección das persoas máis vulnerables”, concluíu.

A proposición non de lei defendida polo deputado, Ramón Fernández para recuperar a “xestión pública” do centro terapéutico ocupacional do Souto de Leixa foi rexeitada polo Partido popular.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG