BNG urxe á Xunta un plan de emprego feminino para reincorporar ás mulleres expulsadas do mercado coa pandemia

Daniel Pérez
Daniel Pérez
Daniel Pérez recrimina ao PP a súa sistemática negativa a actuar diante da realidade feminina: menos traballo e máis precariedade e temporalidade

BNG defendeu no Parlamento galego unha proposición non de lei na que urxiu á Xunta a implantar un plan de emprego feminino centrado na reincorporación das mulleres expulsadas do mercado laboral ao longo dos últimos anos coas políticas do PP e que durante a pandemia se situou en cifras record, así como a implementar programas de orientación, emprego e formación dirixidas especificamente a este colectivo no marco das súas políticas activas de emprego. 

Así, o portavoz nacionalista de Emprego, Daniel Pérez, analizou de xeito pormenorizado os indicadores laborais de 2021 en relación a 2019, último ano de normalidade antes da situación atípica de 2020 pola pandemia e, neste sentido, advertiu que o 73% do emprego destruído en Galiza foi feminino e que, se ben a poboación ocupada feminina rexistrou un incremento en 2021, a caída do ano anterior foi tan grande que aínda no pasado exercicio se atopaba un 1,4% por debaixo dos números de 2019.

Empregando os datos oficiais da EPA, o INE e o IGE, Pérez tamén puxo o foco sobre a poboación asalariada, cuxa taxa de temporalidade sitúase entre as mulleres nun 26,8%, cunha baixada de tan só un punto en 2021, fronte aos tres que baixou a taxa masculina. “A diferenza entre a taxa de temporalidade feminina e a masculina era de 2,7 puntos en 2019 e en 2021 foi de 4,7: polo tanto, máis mulleres que homes sofren a temporalidade”, incidiu, para alertar a continuación sobre o feito de que, por se fose pouco, no sector público a diferenza aínda é máis salientable, cunha taxa de temporalidade do 33,5% entre as mulleres e do 22,9% entre os homes, “10,6 puntos de diferenza!”, recriminou.

Neste sentido, a iniciativa do Bloque tamén inclúe unha estratexia de emprego a medio/curto prazo para a creación de empregos vinculados ao sector público e a sectores económicos estratéxicos e emerxentes, nos que se dea prioridade á inserción laboral das mulleres.

En relación aos ingresos, o deputado nacionalista recriminou a fenda salarial que se está a dar, situada en termos absolutos en 4.167 euros brutos anuais, cun peso maioritario das mulleres (55%) cando se trata de ingresos iguais ou inferiores ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI) e un menor peso cando os ingresos son maiores (17,6%). “A menores soldos, menos mulleres”, recalcou, logo de apuntar ao incremento das mulleres asalariadas nos grupos de menores ingresos (“113.805 mulleres asalariadas galegas tiveron uns ingresos inferiores aos 3.000 euros brutos anuais”, afondou).

Pérez advertiu de igual xeito que todas estas variables inciden directamente sobre as pensións, cuxa diferenza entre as das mulleres e os homes pensionistas en 2021 foi en Galiza de 376,5 euros ao mes, situándose a fenda de xénero neste caso no 34,5%.

Diante da evidencia dos datos analizados, dos que dixo levan a que “o 20,5% das mulleres deste País se atopen en situación de pobreza ou exclusión social”, o portavoz de Emprego do BNG considerou urxentes medidas específicas como as que defendeu nesta iniciativa para corrixir as políticas que o PP “non corrixiu en 13 anos”, así como  para “reforzar alí onde se recortou nos orzamentos do ano pasado, en conciliación e corresponsabilidade”.

Pérez lamentou o veto do PP a esta proposición non de lei e reprobou que empregase unha lectura cortopracista dos datos e non unha visión ampla que posibilita unha análise real da situación sociolaboral e económica das mulleres galegas. “Esa análise raquítica condiciona adoptar medidas efectivas para corrixir, por exemplo, a situación de precariedade das mulleres no mercado laboral ou adoptar medidas que realmente minoren a fenda salarial ou avancen na conciliación e a corresponsabilidade”, reprochou. “Vostedes non apostaron pola igualdade real nestes 13 anos de goberno e así o demostran os datos, pero dende o BNG facemos análises críticas e honestas que permitan aplicar medidas reais e transformadoras e farémolo pronto”, concluíu. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG