BNG urxe á Xunta a mudar as súas políticas de emprego para rematar coa precariedade e a temporalidade no mercado laboral

Daniel Pérez
Daniel Pérez
Daniel Pérez pide ao Goberno galego medidas específicas para as mulleres e a xente moza e que apoie a derrogación das reformas laborais de 2010-2012

O BNG urxiu á Xunta no Parlamento galego a mudar as súas políticas de emprego, dada a ineficacia demostrada durante os últimos 12 anos, co obxectivo de rachar coa temporalidade na contratación e a precariedade laboral, priorizando a mellora da situación no mercado de traballo de mulleres e mozas e mozos. De igual xeito, instouno a demandar do Estado a derrogación das reformas laborais de 2010 e 2012 e, en especial, a necesidade de autorización administrativa dos ERE.

Nunha iniciativa defendida ante a comisión parlamentaria de Economía, o portavoz nacionalista de Emprego, Daniel Pérez, recriminou ao Goberno do PP o seu repetido “mantra” de que o comportamento do mercado laboral é bo e que Galiza se atopa en mellor situación que o resto do Estado, centrándose nuns datos globais de desemprego que amosaron durante algúns meses unha evolución “levisimamente” mellor que a media estatal e obviando os indicadores que evidencian, un mes tras outro, a “cronificación dos problemas estruturais do mercado de traballo galego”, entre os que citou a preocupante dependencia dos ciclos estacionais, o predominio da contratación temporal e parcial ou a excesiva dependencia do sector servizos.

Nesta liña, advertiu do agravamento coa pandemia da xa difícil situación laboral previa das mulleres e a xente moza e cualificou os programas de emprego do Executivo Feixóo de “ineficaces”, no caso dos xa desenvolvidos, e de “meros anuncios”, os novos. “Estar a velas vir”, resumiu, para a continuación advertir que tan importante era aliviar no inmediato a crítica situación na que se atoparon moitos sectores polo impacto da COVID, como tomar medidas de carácter estrutural que permitise iniciar o camiño da recuperación.  

Pérez repasou as estatísticas de 2021 e recordou que en setembro Galiza perdeu 5.241 afiliadas e afiliados (unha perda de 175 empregos diarios); en outubro, o número de desempregados volveu aumentar nun 0,65%; en novembro, se ben tivo un lixeiro descenso do número de persoas rexistradas no paro (-0,84%), o descenso a nivel estatal foi tres veces superior. “Tendencia negativa do mercado de traballo galego que contrasta, e aí lles doe, coa tendencia estatal, onde parece que o ritmo de recuperación é máis constante”, reprochou ao grupo parlamentario do PP, ao que tamén lembrou que o descenso do desemprego en decembro tivo lugar no sector servizos e no colectivo de persoas sen emprego anterior, aumentando no resto de colectivos.

Neste sentido, incidiu en que no último mes do pasado exercicio tan só o 9,5% dos 72.914 contratos foi baixo algunha modalidade de contratación indefinida, o que, xunto ao feito de que o paro descendera só entre as mulleres e menores de 29 anos no sector servizos, evidencia que a nova contratación estivo vinculada coa campaña de Nadal.

A esta tendencia negativa na evolución tanto do paro como da afiliación á Seguridade Social, o deputado nacionalista engadiu que Galiza se atopa no “furgón de cola” en canto ao salario medio, cunha contrastada perda de poder adquisitivo dada a fenda entre rendas e IPC, o queda evidenciado na Enquisa Conxuntural a fogares do cuarto trimestre de 2021 que reflicte que máis da metade dos fogares galegos chega con dificultades a finais de mes.

“Neste ano 2022 o mercado de traballo galego vai estar marcado pola volatilidade e febleza derivada de problemas estruturais como son a temporalidade e parcialidade, a estacionalidade e a excesiva dependencia do sector servizos”, advertiu, para a continuación concluír aludindo aos “coadxudantes necesarios desta situación”, as reformas laborais de 2010 e 2012, “tan lesivas para a clase traballadora galega e que só serviron para aumentar a precariedade e impedir a creación de emprego estable e de calidade en sectores estratéxicos como é o industrial”. A iniciativa nacionalista non prosperou polo veto do PP.  

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG