BNG urxe á Xunta a incorporar a perspectiva de xénero na sanidade para mudar un modelo de saúde desigual coas mulleres

Montse Prado
Montse Prado
Montserrat Prado propón medidas que van dende a diagnose á prescrición, pasando pola formación de profesionais, a investigación e a abordaxe clínica

BNG instou á Xunta no Parlamento galego a mudar a súa óptica no ámbito sanitario, “poñer as gafas lilas” e incorporar con urxencia a perspectiva de xénero na sanidade pública galega para “cambiar un modelo de saúde desigual coas mulleres”.

Nunha interpelación parlamentaria, Prado reprochou ao conselleiro de Sanidade que se escudara na súa resposta no plan de igualdade 2021-2024 aprobado en xuño pasado e que, segundo recalcou, non se concreta máis que en titulares. “As mulleres estamos fartas de que se nos diga sistematicamente ‘estamos en ello’”, censurou, para engadir a continuación que os “nesgos de xénero existen na sanidade, non pode ocultarse esta realidade e, para o BNG, non facer nada non é unha opción”.

Así, a portavoz parlamentaria de Sanidade recordou que todos os indicadores de saúde son peores para as mulleres e considerou imprescindible modificar o modelo e as políticas actuais neste ámbito de actuación para dotalas de equidade de xénero poñendo en marcha unha estratexia para a atención integral da saúde das mulleres. 

“É tanto o que queda por facer que é preciso actuar con valentía e firmeza, impulsando políticas que vaian dende a diagnose á prescrición, pasando pola formación, a investigación e a abordaxe clínica”, urxiu.

Neste sentido, defendeu a necesidade de que o Goberno galego implante xa medidas concretas como a posta en marcha de unidades de atención á endometriose, a fibromialxia e o chan pélvico, o incremento do número de matronas, a eliminación da violencia obstétrica, garantir a interrupción voluntaria do embarazo no hospital de referencia de cada muller ou a atención específica aos efectos das vacinas contra a COVID19 ou do COVID persistente. 

Logo de recalcar que a abordaxe con perspectiva de xénero é unha gran “asignatura pendente” no ámbito sanitario, Prado apelou á necesidade dun diagnóstico diferenciado en ámbitos como a investigación, onde a escolla das patoloxías máis investigadas e ás que se destinan máis fondos os as que padecen varóns adultos en idade laboral, prototipo utilizado nos ensaios clínicos cuxas conclusións son trasladadas á poboación feminina sen ter en conta as súas características específicas, ao tempo que as enfermidades que afectan con maior prevalencia entre as mulleres (como a endometriose, a fibromialxia ou a osteoporose) apenas son obxecto de investigación.

Nesta liña, tamén puxo o foco nos efectos das vacinas COVID sobre a saúde das mulleres, que concentran o 74% das notificacións oficiais de efectos adversos, así como na falta de formación con perspectiva de xénero que reciben os profesionais e a nula ou escasa diferenciación no diagnóstico e o tratamento, para o que exemplificou con doenzas cardiovasculares que, pese a que presentan síntomas distintos segundo o xénero, son abordadas dende unha óptica androcéntrica. 

Pola contra, a deputada nacionalista advertiu do sobrediagnóstico no caso de enfermidades mentais, para o que habitualmente non se realiza un diagnóstico diferencial sobre posibles causas graves, cando o 85% dos psicofármacos administrados prescríbese a mulleres. Así pois, tamén considerou obrigado introducir a variable de xénero sobre as pautas farmacolóxicas para non medicalizar cando non é preciso, sobrediagnosticar ou infradiagnosticar ás mulleres.

Sobre patoloxías máis prevalentes entre a poboación feminina e o seu tratamento no sistema público galego, Prado preguntou con contundencia ao titular de Sanidade: “parécelle razoable que unha muller tarde unha media de oitos anos para ter un diagnóstico de endometriose ou de 10 para un de fibromialxia, cando neste Parlamento se teñen aprobado iniciativas neste sentido dende hai xa sete anos reclamando recursos e unidades específicas e non teñan vostedes feito nada?”.

Por último, a portavoz de Sanidade do BNG tamén se referiu á atención á saúde das mulleres no ámbito reprodutivo e da planificación familiar, dos que subliñou, sobre o primeiro, que Galiza ten o rateo de matroas máis baixo do Estado e, sobre o segundo, que as citas de planificación familiar acadan ata un ano de espera en cidades como Vigo.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG