BNG urxe á Xunta a crear unha Unidade de Desordes Alimentarios en Vigo ante “un problema que vai a máis”

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández
Alexandra Fernández advirte de que a única unidade especializada, a de Santiago, non ten capacidade para cubrir as necesidades de todo o país
BNG urxe á Xunta a crear unha Unidade de Desordes Alimentarios en Vigo ante “un problema que vai a máis”

O BNG reclamou á Xunta no pleno do Parlamento galego a creación dunha Unidade de Desordes Alimentarios en Vigo, con persoal suficiente e que conte coas mesmas áreas das que dispón a única unidade especializada neste ámbito no sistema sanitario galego, a de Santiago, co obxectivo de “asegurar ás e aos pacientes un tratamento intensivo e continuado por parte dun equipo multidisciplinar”.

Así o pediu a deputada Alexandra Fernández, quen exemplificou cun caso recente rexistrado en Vigo e denunciado publicamente pola familia, no que a persoa afectada -unha rapaza de 15 anos- tivo que ser ingresada na unidade de psiquiatría xeral do Hospital Álvaro Cunqueiro, en lugar de ser ingresada na Unidade de Desordes Alimentarias situada en Santiago “porque non hai prazas”.

Segundo explicou, esta unidade só dispón de tres camas na área de hospitalización aguda, cinco na de hospitalización prolongada e espazo para oito pacientes na área de Hospital de Día, o que supón que haxa “ducias de persoas que quedan excluídas dun tratamento axeitado por falta de prazas”.

Neste sentido, Fernández recordou que os e as expertas alertan de que a pandemia está producindo un aumento deste tipo de casos -“estamos ante un problema que vai a máis”, recalcou- e que se xa en 2015 o daquela portavoz de sanidade do PP e agora presidente do Parlamento, Miguel Santalices, propuxera a creación dunha Unidade de Desordes Alimentarios no Álvaro Cunqueiro porque xa daquela era unha necesidade, “agora, co incremento de casos, é aínda máis necesario”.

A deputada nacionalista considerou bo, pero “insuficiente” a creación dun Hospital de Día cun programa específico para abordar estes casos, dado que nin é un fenómeno exclusivo da infancia e a xuventude; nin contempla casos de hospitalización aguda ou prolongada e, polo tanto, non resolve o colapso no de Santiago; e ademais conta cunha dotación escasa de profesionais.

 

BNG urxe á Xunta a crear unha Unidade de Desordes Alimentarios en Vigo ante “un problema que vai a máis”