BNG urxe á Xunta a “completar con fondos propios” as axudas da PAC para ecolóxico e chegar aos 5,6 M€ necesarios para satisfacer todas as solicitudes

Carme Aira e Xosé Luis Rivas Mini
Carme Aira e Xosé Luis Rivas Mini

Xosé Luís Rivas advirte que sen axudas as pequenas explotacións están condenadas a desaparecer e critica o “desleixo e incompetencia” de Medio Rural ante a desproteccións dos produtores e produtoras

Carme Aira afirma que algunhas das explotacións que se deron de alta no 2021 non accederán as axudas, a pesar dos investimentos realizados

O portavoz de Agricultura e Gandaría, Xosé Luís Rivas e a portavoz de Desenvolvemento Rural, Carme Aira urxiron á Xunta a completar “con fondos propios” a cantidade orzada, para  axudas á produción ecolóxica até 5,6 M€ co fin de cubrir todas as solicitudes presentadas e que cumpran cos requisitos.

Rivas explicou que o chamado “Pacto Verde” da nova PAC propugna unha agrogandaría europea más respectuosa co medio ambiente, diminuíndo a presión dos fertilizantes e fitosanitarios e priorizando o ecolóxico. Neste sentido, lembrou que os documentos Da Granxa á Mesa persegue acadar o 25% da SAU en ecolóxico para o ano 2030. Neste escenario, as novas hectáreas certificadas en Galiza rondaban as 12.000 e o montante das axudas para esta actividade sería de 5,6 Millóns de euros. A orde de axudas establecía prioridades de 2 puntos para as explotacións de montaña e un 1 punto para as situadas na Rede Natura, sen embrago, puntualizou Rivas, este criterio “deixaba fóra  a unha boa parte das pequenas granxas de leite e pequenos produtores de horta e carne de vacún en ecolóxico”.

En opinión do nacionalista, as previsións de Medio Rural constatan a súa  “incompetencia “ pola insuficiencia de fondos orzamentados para cubrir a demanda. Medio Rural, insistiu o deputado, só ten previstos 3,18 M€ cando son precisos 5,6 millóns de euros quedando fóra das axudas “un 43% das hectáreas solicitadas”.

Ante a situación, volveu a reclamar  ao Goberno galego “completar as axudas con fondos propios ou ben abrir unha nova liña para satisfacer a demanda das solicitudes presentadas e que cumpren con todos os requisitos”.

Rivas botou man das declaracións do propio videpresidente executivo do Pacto Verde Europeo, Frans Timmermans que defendeu a urxencia de aumentar a superficie de agricultura ecolóxica da UE do 8% ao 25% e a estraxia “Da Granxa á Mesa” marca como obxectivos, a 10 anos, reducir pesticidas e antibióticos nun 50%, fertilizantes nun 20% e dedicar o 25% da SAU a produción ecolóxica.

O nacionalista lembrou que a superficie en ecolóxico sitúase no Estado español no 10,24, Galiza o 4%, Cataluña o 22% e Andalucía nun 21%.

O PP e a súa  política errática  conduce  ao sector agrogandeiro ao precipicio

O desleixo de Medio Rural, dixo, busca “cargarse o sector ecolóxico e de paso, ás pequenas explotación non profesionais”. Ademais, tampouco creou circuítos axeitados para a venda do produto ecolóxico. A consellería, engadiu Xosé Luís Rivas debe explicar como pretende chegar ao 25% proposto para a converxencia europea cando a súa política é “enfrontar o sector do leite co da carne” porque da  carne só lle interesan  “os cebadoiros”, non controlan os contratos, as pequenas explotacións perciben prezos penosos, e non volveron a abordar o protocolo da carne.

Pola súa banda, a deputada, Carme Aira incidiu na política errática da Consellería de Medio Rural que cualificou de “operación de acoso e derribo” das pequenas explotacións agrogandeiras. Aira fixo fincapé “na falta de planificación da Xunta” contraria a unha verdadeira “reforma estrutural do sector agrogandeiro para  converxer con Europa”. A deputada explicou que o modus operandi da Xunta é, por unha banda “subir un pouco a renda para quitala despois”.

A portavoz de Desenvolvemento Rural e Política Agraria Común do BNG incidiu en que é necesario satisfacer todas as solicitudes presentadas que cumpren cos requisitos esixidos e explicou que ante unha nova solicitude existe un período de transición e todos os produtores e produtoras que formalizaron  esta solicitude o pasado ano contaban con axudas  polos investimentos pero agora “perden un ano” tras solicitar as axudas no ano 21 despois de escoitar a “propaganda  da Xunta”.

Aira lamentou esta situación e advertiu que a propia consellería non é consciente “da desfeita” que está a provocar nin dos déficits que se producirán nas explotacións.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG