O BNG urxe á Xunta a acelerar a execución dos fondos europeos na pesca galega

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado recrimina ao Partido popular que non remita un informe ao Parlamento sobre os motivos da  falta de execución dos recursos

A deputada do BNG, Montse Prado, reclamou hoxe na comisión de Pesca, a través dunha proposición non de lei, instar á Xunta a presentar  no Parlamento un informe  detallado “cos motivos da non execución dos fondos FEMP e as consecuencias, para os colectivos que terían que ser beneficiarios dos mesmos”.

Ademais, urxiu á Xunta a  iniciar todas as accións necesarias para incrementar o grado de execución dos Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.  Na súa intervención recalcou que a falta de investimentos procedentes de Europa repercuten moi negativamente nos axentes do mar e acusou ao portavoz popular, Alberto Pazos Couñago de repetir  a mesma “mentira” que a Consellería utiliza para xustificar esta falta de execución. Ano tras ano, explicou, Prado, o PP di que pon a disposición do sector un gran número de millóns de euros pero o que realmente oculta son as dificultades para “acceder ás axudas”. No ano 2018  o 63% quedou sen executar, e dende que entrou en vigor o fondo para o 2014-2020 non se executaron 63 M€ para un sector “moi necesitado deses recursos”.

Prado lembrou que dende o ano 2009 ao 2018  hai 3.769 persoas menos afiliadas á Seguridade social, neste mesmo período tamén  70 buques menos ao que sumou a diminución dos permisos de explotación, (Pemex). Mentres isto acontece, “a consellería de Mar permítese o luxo de deixar fondos sen executar” e mesmo impide que no Parlamento contemos cun informe para mellorar a situación.

Estamos a piques, dixo, de finalizar o período para a execución dos recursos europeos para pesca e o Partido popular segue instalado na “inmobilidade” impedindo o investimentos do Fondo europeo. Si tiveramos o informe, reiterou a nacionalista,  “poderíamos avaliar que zonas foron recuperadas para o marisqueo, que medidas foron aplicadas para mellorar a competitividade e que proxectos non foron implementados”.

Tras a intervención do popular, Alberto Pazos Couñago, a deputada do BNG volveu acusalo de “mentirán” e reprochou á Consellería do Mar de carecer dunha “política que favoreza ao sector da pesca en Galiza” e  aproveitar os fondos europeos para impulsar o  “grande capital” con que contamos nesta materia.

Prado rematou lembrando que o Comisario de Pesca da Comisión Europea, Karmenu Vela, a preguntas formuladas pola eurodeputada do BNG Ana Miranda, sobre o estado de execución dos fondos FEMP no período actual contestou que “a Comisión é consciente dos atrasos na execución do FEMP por parte do Estado español” e animou a este a acelerar a execución dos cartos dispoñíbeis toda vez que só ten comprometidos o 16.5%.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG