BNG urxe a rectificar os novos horarios da liña AVANT para adecualos ás necesidades laborais

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego reivindica adaptar os servizos ferroviarios da Galiza dando prioridade á conexión interna e garantir o seu uso por parte das persoas usuarias habituais

BNG demanda cumprir o acordo unánime do Parlamento de Galiza que exixe restabelecer completamente os horarios da liña A Coruña-Ourense e o abaratamento do billete

BNG urxe a rectificar os novos horarios da liña AVANT para adecualos ás necesidades laborais

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra novas iniciativas para exixir ao Goberno do Estado que rectifique as modificacións horarias na liña do tren AVANT producidas coa chegada do AVE e adaptalas á realidade laboral para garantir unha mellor conciliación. A formación nacionalista exixe ademais restituír as frecuencias suprimidas con motivo da redución de mobilidade durante a pandemia e que aínda non foron recuperadas.

Coa chegada do AVE á Galiza o pasado 21 de decembro produciuse unha modificación dos horarios dos servizos AVANT que conectan Ourense con Santiago e A Coruña. Estas modificacións supuxeron un grave prexuízo para as persoas usuarias que se desprazaban todos os días por motivos laborais ou de estudo entre Ourense, Santiago e A Coruña.

“Organizan os novos horarios baixo unha visión puramente centralista na que priorizan os servizos que conectan Galiza coa meseta mais non teñen en conta as necesidades de mobilidade interior” subliña o deputado nacionalista. Cabe destacar que estas modificacións horarias, non só se produciron na liña do tren AVANT A Coruña-Ourense, senón que tamén afectou negativamente aos horarios da liña de Media Distancia entre A Coruña e Vigo polo que as usuarias e usuarios dese traxecto tamén padecen as consecuencias da falta de adaptación.

Neste sentido, a pasada semana o Parlamento de Galiza aprobaba por unanimidade unha iniciativa- impulsada polo BNG o pasado- demandado ao Goberno do Estado que  restabeleza os horarios da liña de tren AVANT, a destacar a liña que saía ás 6.30 h da mañá da Coruña e chegada ás 7.38h a Ourense. A iniciativa pretende así favorecer a conciliación dos desprazamentos cos horarios laborais, e reclama ademais acometer as melloras pendentes para a modernización da liña A Coruña – Ferrol – Santiago – Ourense, recuperar todas as frecuencias suprimidas e garantir a reposición do persoal e material rodante necesario para manter un servizo fiábel e estábel.

“Debe lembrarse, ademais, a necesidade de rebaixar o elevado custo dos billetes da liña AVANT entre A Coruña e Ourense, unha das máis caras do Estado, en que o traxecto de Santiago a Ourense custa 17.70 €, chegando a 20.30€ nalgunha das tarifas ofertadas por RENFE” denuncia o deputado, Néstor Rego. Pero ademais do encarecemento debe destacarse que aínda non foron recuperadas todas as frecuencias suspendidas con motivo da pandemia- como a liña con saída ás 6.45h de Ourense-.

A organización frentista tamén reclama ampliar o persoal, comezando por cubrir as vacantes, co obxectivo de asegurar o correcto funcionamento de todos os servizos na Galiza, especialmente “en relación á necesidade de corrixir a política de recortes no número de condutores, especialistas en operacións comerciais de información e ventas presenciais, así como persoal de control e de atención ao pasaxeiro” destaca finalmente Néstor Rego.
 

BNG urxe a rectificar os novos horarios da liña AVANT para adecualos ás necesidades laborais