O BNG urxe medidas contra a discriminación das persoas LGTB no ámbito laboral e na sanidade

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Rodil recrimina ao PP os pactos coa extrema dereita que considera a homosexualidade unha patoloxía, branqueando así unha discriminación intolerable

O BNG defendeu unha proposición non de lei a favor dos dereitos de todo o colectivo LGTB para poñer fin á discriminación que soportan, en particular en ámbitos como o laboral e na prestación do servizo sanitario, e para iso é preciso desenvolver a Lei 2/2014 pola igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero.

“Hai que avanzar nunha sociedade democrática e xusta para o conxunto da poboación fronte a discursos homófobos e tránsfobos que non só perviven senón que están a gañar poder político da man do PP polos pactos coa extrema dereita”, salientou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, durante a defensa da iniciativa.

“Pasaron de votar en contra da lei de matrimonio igualitario, de recorrer xudicialmente os dereitos civís do colectivo LGBT a empurrar para saír na foto do Día do Orgullo e agora a gobernar con quen defende que a homosexualidade é unha enfermidade. Vaia viaxe para volver ao mesmo punto”, criticou a deputada nacionalista, quen cualificou de “gravísimo” que o PP “ampare e branquee discursos que atentan contra os dereitos humanos”.

O Bloque considera que Galiza estivo á vangarda aprobando a Lei 2/2014, pero este texto ten que desenvolverse e hai tamén que corrixir as súas carencias,  “como a falta dun capítulo de sancións para combater actitudes de discriminación por razón de orientación sexual ou elección de xénero”, cuestións até agora vetadas polo PP.

“Desde o BNG asumimos o compromiso de seguir loitando por unha Lei galega de identidade de xénero e, mentres, o mínimo é exixir que se cumpra o marco normativo actual e que a Xunta de Galiza desenvolva e aplique a Lei 2/2014”, salientou. Na proposición non de lei censurada polos votos do PP, o Bloque centraba a súas medidas contra a discriminación deste colectivo nos ámbitos laboral, sanitario e  social.

Neste sentido, propuxo impulsar un estudo que permita coñecer cal é a realidade sociolaboral das persoas LGBT e que medidas han de impulsarse para loitar contra a súa discriminación en empresas públicas e privadas, “porque o espazo laboral continúa ser en ocasións hostil para as persoas LGBT, e de forma moi especial para as persoas trans”, recalcou Rodil, tras salientar que estudos europeos sitúan a taxa de desemprego entre persoas transexuais e transxénero no 85%. “Que  está a acontecer no noso país? Non sabemos”, denunciou.

A PNL do Bloque tamén incluía recuperar a rede de centros Quérote, un servizo creado polo BNG desde a Dirección xeral de Xuventude co obxectivo de formar, informar e acompañar en materia de sexualidade especialmente á mocidade, “porque hai moitas persoas que teñen dúbidas, temores, que non atopan un espazo seguro nas súas casas e que precisan apoio e acompañamento da man de profesionais”.

No ámbito sanitario e especificamente no referido ás persoas transexuais, explicou Rodil, “é preciso un protocolo que desenvolva, amplíe e mellore a instrución 13/2017 de atención sanitaria a persoas transexuais, que contemple menores e tamén adultas, e sobre todo que se basee nun enfoque sanitario despatoloxizante e no respecto ao dereito de autodeterminación de xénero. E precisamos unificar criterios de asistencia sanitaria e garantías de acceso a tratamentos hormonais”.

A deputada nacionalista indicou no debate da súa proposta na Cámara que é obriga dos poderes públicos “empurrar” para conseguir unha sociedade cada vez máis democrática e igual, rachando con prexuízos e estereotipos que son a base sobre a que se asenta a día de hoxe a “intolerable” discriminación das persoas LGBT.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG