Congreso

BNG urxe a garantir o servizo de atención á cidadanía nos Consulados e Embaixada no Reino Unido

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego pregunta sobre as demoras moi prolongadas nos trámites nas oficinas consulares, que están deixando atrapados a millares de galegos e galegas sen poderen saír do Reino Unido ao non teren onde renovar o pasaporte.

Demanda estabelecer as condicións necesarias para garantir os dereitos laborais das persoas traballadoras e unha atención adecuada á cidadanía

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas no Congreso para que o Goberno solucione os problemas de millares de persoas no Reino Unido, moitos deles galegos e galegas, pola falta de atención na Embaixada e Consulados do Estado español. O deputado nacionalista, Néstor Rego, demanda estabelecer dos medios necesarios para garantir unha rápida e áxil xestión para renovar o pasaporte ou os trámites de primeira emisión, así como asegurar os dereitos laborais das persoas que traballan na Administración estatal no Reino Unido.

Máis dun ano levan esperando moitas das persoas residentes no Reino Unido para poder realizar xestións administrativas nos Consulados Xerais e a Embaixada do Estado español. Renovar o carné de identidade, expedir o pasaporte ou renovalo son trámites administrativos que, de normal, poden resolverse en cuestión de días, mais na situación actual pode supor esperar meses sen resposta. A acumulación de tarefas faise máis visíbel após o Brexit e o parón da pandemia, que levou a esta administración ao colapso.

A situación foi denunciada por numerosas persoas, todas elas coa mesma situación: esperas de até 10 meses para poder renovar o pasaporte ou sen poder rexistrar ás súas crianzas. “Empregaron todas as vías dispoñíbeis – pola web do consulado, atención telefónica, por correo electrónico ou mesmo de maneira presencial- mais a Administración segue sen dar unha solución ao problema de parálise” explica o deputado nacionalista. Debe lembrarse que sen pasaporte estes cidadáns e cidadás quedan atrapados sen poder saír do país. Deben renunciar ás viaxes programadas, de carácter laboral, vacacional ou para visitar á familia, o que lles supón un grave prexuízo tanto moral como económico.

“Declarouse unha folga xeral indefinida o pasado 14 de marzo por parte do persoal funcionario de todas as oficinas do MAEUEC no Reino Unido para reclamar melloras nas súas condicións laborais e adecualas á situación do Reino Unido tras o Brexit que paralizou a actividade durante máis dun mes” lembra o deputado do BNG. O período post Brexit disparou a solicitude de trámites e xestións por parte de residentes no Reino Unido e, en consecuencia, tamén o volume de traballo, con horas extra sen remunerar e co salario conxelado desde fai trece anos.

A organización nacionalista demanda ao Ministerio de Asuntos Exteriores accións urxentes para solucionar a situación que están a padecer os millares de persoas atrapadas no Reino Unido pola falta de atención aos seus trámites ante a Embaixada e Consulado do Estado Español. “O Ministerio ten que escoitar as denuncias das traballadoras polos recortes abusivos que precarizaron os servizos nestas oficinas, as condicións de traballo e mesmo os servizos ofrecidos á cidadanía” destaca Rego.

“Hai que estabelecer os medios necesarios para garantir unha rápida e áxil xestión das solicitudes de renovación do pasaporte ou de primeira emisión no caso dos acabados de nacer poñendo fin ás largas listas de agarda que se acumulan nestes momentos” reivindica.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG