BNG urxe ao goberno a cumprir a lei e crear o Observatorio da Lusofonía “Valentín Paz Andrade” para fortalecer as relacións con Portugal

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará lamentou a deixación do Goberno galego coa confirmación de que non será creado até a posta en marcha da Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX) como confirmou ao BNG o propio director de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo

A través dunha pregunta parlamentaria formulada polo deputado do BNG, Luís Bará, sobre as previsións do goberno galego a respecto da creación do Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade, o nacionalista lamentou a resposta do Director de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo confirmando que polo momento, haberá que agardar a posta en marcha da Estratexia Galega de Acción Exterior.

O parlamentario do BNG rexeitou os argumentos de Gamallo e afirmou que o “o observatorio pode crearse porque está perfectamente definido na lei” e a súa posta en funcionamento non está supeditada  á Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX) como defendeu o responsable de relacións exteriores. A propia lei, remarcou Bará, “está por riba da estratexia e marca unhas prioridades”. Bará tamén considerou que son “dous procesos que se poden desenvolver “paralelamente” e non retrasarían a aprobación e posta en marcha do observatorio.

O deputado nacionalista explicou que o observatorio resulta “un instrumento necesario” para encamiñar o plan de actuación con Portugal no ámbito da lusofonía e pediu abrir a representación do observatorio a outras entidades que, ao seu xuízo, poderían aportar importante achegas. E necesario, dixo, regular o observatorio a través dun decreto e poñelo en funcionamento este propio ano. Esta posibilidade, indicou non resultaría contraditoria coa aprobación da Estratexia de Acción Exterior.

Por outra parte, lembrou que os estatutos do Consello de Países de Lingua Portuguesa, CPLP, permiten a entrada, como observadores asociados, a estados ou rexións lusófonas que pertenzan a estados terceiros mediante acordos cos estados membros  e Galiza, como consecuencia dese acordo parlamentario intentou formar parte pero despois “chegou Madrid e mandou parar”. Para o deputado, o PP prestouse a ese xogo e agora para escusarse pretenden vender que Galiza será un elemento “prioritario, privilexiado e protagonista” desta relación pero en realidade o goberno central buscará “un equilibrio entre as diferentes comunidades”, atendendo as súas demandas e neste caso, Estremadura mostrará un grande interese porque quere poñer en marcha diferentes plans relacionados coa lusofonía.

Na súa intervención, Luís Bará tamén aludiu ao fomento da lingua portuguesa e considerou “viable” multiplicar até 20 mil alumnos e alumnas nesta lingua en Galiza durante cinco anos pero para iso, é preciso “promocionar, fomentar e sensibilizar a sociedade”, sobre todo, no ámbito educativo e a nosa realidade é que en Galiza non temos ensino de portugués no ensino primario a diferencia de Andalucía ou Estremadura. En Galiza contamos só co ensino portugués en secundaria e nas escolas de idiomas, engadiu.

Algunhas das entidades promotoras da Lei Paz Andrade, denuncian o nulo desenvolvemento da Lei despois de cinco anos da súa aprobación.

Finalmente, o nacionalista tamén ser referiu as infraestruturas, concretamente ao ferrocarril e celebrou o “impulso político que lle está a dar o goberno portugués” mentres que o Partido popular, mesmo cando gobernou no estado, “paralizou esta infraestrutura”, a pesar dos cinco estudos da saída Sur e conexión directa dende Vigo coa fronteira portuguesa. A nosa presenza en Madrid serve para defender, entre outras demandas, esta comunicación relacionada co ferrocarril. “Goberne que goberne en Madrid, dende o BNG, sempre defendermos os intereses de Galiza”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG