O BNG traslada o seu apoio e solidariedade ás persoas feridas no Marisquiño

Xosé Luís Rivas "Mini"
Xosé Luís Rivas

Xosé Luís Rivas desexa unha rápida recuperación ás persoas afectadas e pide abrir unha investigación das causas que provocaron o derrubamento da plataforma no último concerto do festival vigués

O deputado nacionalista, Xosé Luís Rivas trasladou hoxe o apoio e solidariedade do BNG a todas as persoas feridas no derrube de parte da pasarela de madeira e formigón no peirao do Náutico durante o último concerto da Festa do Marisquiño celebrado onte en Vigo onde resultaron feridas 316 persoas.

Neste momento, dixo, “o prioritario é atención ás persoas afectadas” e máis adiante haberá que coñecer as verdadeiras causas do accidente. “Hai que investigar o que provocou o derrube da plataforma e exixir responsabilidades das administracións que debían velar pola estrutura da pasarela así como a seguridade do evento”.

Por outra banda, Rivas felicitou os recursos mobilizados para atender ás persoas  feridas que foron trasladadas con gran rapidez a varios centros hospitalarios para a súa atención así como a todas as persoas que colaboraron para que o accidente non se convertera nunha traxedia de maior magnitude.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG