O BNG traslada a Europa a denuncia da Fundación e a familia Franco contra as 19 de Meirás

Ocupación simbólica do Pazo de Meirás
Ocupación simbólica do Pazo de Meirás

Ana Miranda expresa o seu apoio as participantes na acción e convoca de xeito urxente o grupo de traballo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo

O BNG traslada a Europa a denuncia da Fundación e a familia Franco contra as 19 de Meirás

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, quere expresar o seu apoio en nome do Bloque no Parlamento Europeo ás 19 persoas que o pasado 30 de agosto ocuparon simbolicamente o pazo de Meirás e para as que a fundación e a familia Franco solicitan até 13 anos de cárcere.

“É inadmisible que ademais de facer uso dun inmoble usurpado ao pobo galego, a familia Franco solicite penas de presión para estas persoas e é por iso que desde o BNG no Parlamento Europeo queremos mandarlles todo o noso apoio”, manifesta Miranda, destacando asemade que a acción desenvolvida por activistas e sindicalistas foi en todo caso unha acción pacífica e simbólica.

Precisamente esta acción, xunto a outras desenvolvidas posteriormente no Parlamento Europeo e no propio pazo, puxo de manifesto a consideración de que resulta inxusto que este inmoble -xunto a outros como a Casa Cornide ou as estatuas Abraham e Isaac orixinalmente da catedral de Santiago de Compostela- siga pertencendo a familia Franco, despois de que o ditador o obtivera de forma ilexítima.

Intolerable nun estado democrático

Os delitos dos que acusan ás persoas participantes na acción do pasado mes de agosto consisten nos de “Violación de morada”, co agravante de violencia ou intimidación, que segundo o Código Penal español está penado con prisión de 1 a 4 anos; “Delito contra o honor” con publicidade, penado con 6 meses a 2 anos ou multa de 12 a 24 meses; “Danos”, na modalidade agravada, penado con prisión de 1 a 3 anos e multa de 12 a 24 meses; e “Delito de odio”, penado con prisión de 1 a 4 anos e multa de 6 a 12 meses.

“Que sexa unha fundación que realiza apoloxía do fascismo e a súa familia a que presenta estes cargos é intolerable nun estado democrático”, subliña a eurodeputada do Bloque, quen lembra que as penas suman, como mínimo, 3 anos e 6 meses e poderían chegar até os 13 anos de prisión para cada unha das persoas denunciadas, ademais das multas.